publicidade hoxe

O festival Closing Tour 2014 presentou o seu cartel coa presenza de membros de todas as orquestras participantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaSilleda
A-
A+
Presentación do Festival Closing Tour

Presentación do Festival Closing Tour

A Feira Internacional de Galicia acolleu hoxe a presentación do festival Closing Tour 2014, o cal reunirá o domingo 7 de decembro (véspera de festivo) neste recinto feiral ás orquestras El Combo Dominicano, París de Noia e Charleston Big Band, e tamén ao picadiscos David Expósito, ao cantante Leronz e á xoven promesa musical Borja Rubio.

Durante o acto Ricardo Durán, director da Fundación Semana Verde de Galicia, destacou o Closing Tour como un evento que “vai gañando forza ano tras ano e consolidándose entre o público”, ao tempo que o cualificou como “unha oportunidade para ver que o pavillón 1 é un escenario idóneo” para espectáculos musicais, unha condición implementada con melloras como a colocación dunha tela acústica. Pola súa banda Ramón Lorenzo, xerente de Deza Espectáculos, detallou algúns aspectos do evento e deu a coñecer a participación dun artista a nivel nacional, Borja Rubio.

Na presentación tamén participaron compoñentes de todas as orquestras que conformará o cartel, os cales detallaron distintos aspectos da súa actuación no evento e das súas formacións, ademais de agradecer á organización que contara con eles. Así, José Antonio Blas, cantante de París de Noia, subliñou que o día 7 de decembro presentarán “repertorio e novas caras”; mentres que Cirano Núñez, da orquestra canaria El Combo Dominicano, sinalou que a súa presenza no festival suporá un “reencontro”, trala exitosa xira do pasado verán, cos seus fans galegos, os cales “ teñen organizado buses” para acudir a ver a súa actuación, ao tempo que dixo que presentarán o seu disco, o cal contén cancións que nunca tocaron na orquestra.

En canto a Charleston Big Band, o cantante David Balboa destacou que o pavillón é “impresionante e podería acoller a calquera artista” e falou da incorporación á formación de Bruno Fariñas, quen dixo que no Closing Tour 2014 será a súa primeira actuación coa orquestra “encima do escenario”.

Artistas invitados e actividades paralelas

Ademais do espectáculo das orquestras participantes o Closing Tour 2014 contará con outras actuacións. Así, ademais do DJ David Expósito, os asistentes poderán desfrutar de dous artistas invitados, Leronz, cantante galego que repetirá no festival cantando con Charleston Big Band algúns dos seus temas do disco “Alive”, o cal presentou recentemente no programa Sálvame de Tele 5; e Borja Rubio, un xoven artista gaditano de 21 anos que está a ter gran éxito entre as adolescentes e que xa triunfou con temas como “Fuego en la Piel”, “Me enamora” ou “Señorita” (este último xunto ao dominicano Henry Méndez), cuxos vídeos en redes sociais superan os 8 millóns de reproducións acumuladas. Con 7 singles no mercado, é un artista que se decanta nas súas composicións pola música latina, dance, pop-latino e baladas.

Ademais, por primeira vez, o festival contará con actividades lúdicas paralelas. Así, o Centro Multiaventura do recinto, o cal estará situado no pavillón contiguo ao do festival, acollerá karting, tirolinas, toro mecánico ou rocódromo.

As entradas para asistir ao Closing Tour 2014 pódense adquirir o mesmo día do festival en taquilla cun prezo de 7€. Tamén de forma anticipada, cun prezo de 5€ nos 19 puntos de venta físicos situados en Silleda, Bandeira, Lamela, Merza, Lalín, Forcarei, Sigüeiro, Teo, Vila de Cruces e A Estrada; e de 5€ máis gastos de xestión a través da web de Abanca (entradas.abanca.com, apartado Festivales). Os nenos menores de 12 anos poderán entrar de forma gratuíta (acompañados dun adulto), sendo libre o acceso ao aparcadoiro do recinto.

Cita consolidada

O Closing Tour é xa unha cita obrigada tanto para os fans das agrupacións participantes como para todos os afeccionados a este tipo de música, por ser un evento con características únicas na Comunidade que permite aos asistentes desfrutar do espectáculo nun espazo totalmente climatizado con todo tipo de servizos e comodidades, como restauración ou roupeiro.

20 de novembro de 2014 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.