publicidade hoxe

O DOG publica a aprobación da memoria ambiental do plan de conservación da Lagoa de Valdoviño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaValdoviño
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación, por parte da Secretaria Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, da Memoria Ambiental do Plan de conservación do humidal protexido Lagoa e areal de Valdoviño. A finalidade deste documento é a planificación dos recursos naturais e o establecemento de normas de uso e aproveitamento, así como de actividades científicas e educativas.

Esta memoria acredita que o Plan integra os criterios necesarios de sustentabilidade establecidos no documento de referencia, dentro do procedemento de avaliación ambiental estratéxica que se levou a cabo. Así, a análise realizada permite obter unha visión xeral do ámbito do humidal e dos usos, así como dos principais problemas que afectan ao seu estado de conservación.

Así mesmo, considérase que o seguimento previsto constitúe a ferramenta axeitada que permitirá coñecer o desenvolvemento das actuacións previstas e avaliar os efectos sobre o espazo tendo en conta a evolución das variables de sustentabilidade, e, especialmente, das especies e hábitats identificados como clave.

A elaboración do Plan de conservación da lagoa e areal de Valdoviño enmárcase na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza e responde á necesidade de abordar un plan específico para este espazo, tendo en conta as presións ás que se atopa sometido, principalmente derivadas da proximidade da lagoa co medio urbano.

A pesar da importancia e singularidade ambiental deste espazo, ao longo do tempo estivo suxeito a innumerables presións e ameazadas que afectaron negativamente á integridade do Humidal e ao seu funcionamento hidroecolóxico, así como á conservación das súas poboacións de flora e fauna silvestre. Neste contexto, o Plan de conservación pretende establecer as directrices básicas para a xestión e preservación do complexo húmido e dos seus hábitats.

Liñas de actuación

As liñas de actuación previstas abranguen a recuperación do funcionamento hidrolóxico natural da lagoa a través do establecemento dun protocolo que regula a apertura da lagoa, a execución de medidas para a conservación dos hábitats dunares e restauración das áreas degradas, o seguimento das especies clave e a eliminación das especies exóticas invasoras, así como a promoción da información ambiental dos valores do complexo húmido e posterior elaboración dunha orde que regule os usos públicos do espazo.

Esta memoria ambiental e o resto de documentos xerados durante a tramitación ambiental poderán consultarse no enlace web de avaliación ambiental estratéxica de plans e programas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas http://www.cmati.xunta.es/busca-por-palabra-clave, introducindo o código do Plan 1596/2013.

12 de novembro de 2014 | 10:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.