publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O documental “O eslabón perdido” será presentado o 8 de novembro no Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonteceso
A-
A+

Dúas profesións arriscadas, a de percebeiro e a de recolector de miñoca. Unha paixón, a de escalador de boulder, e un pano de fondo: as fermosas paisaxes da Costa da Morte. Estes son os elementos que conforman o documental que se presentará o próximo 8 de novembro en Corme, no Museo da Costa da Morte.

O protagonista é Benito Santos, máis coñecido como Bendecorme, unha das referencias do boulder en Galicia, unha modalidade de escalada que se realiza en penedos de 4-5m, sin máis axuda que a propia forza do escalador. Esta modalidade experimentou un importante pulo nos últimos anos en Galicia, debido á gran cantidade de rocas que abundan na súa xeografía.

Benito vive en Corme, onde as augas do Atlántico atacan con forza o litoral. Alí pasa unhas tres horas ao día na auga, dedicado á súa tarefa de buceador recolector e de percebeiro. Cando remata, dedica todo o tempo que pode á súa actividade favorita: escalada. Traballo e deporte, dúas constantes na vida deste cormelán que non só escala senón que busca novos penedos, prepáraos, imaxínaos –como ben narra no documental–, sempre cun afán de superación… Unha boa mensaxe para a xuventude.

O eslabón perdido é o nome dunha liña de boulder que Bendecorme leva anos probando: “a liña da miña vida”. Un boulder dunha dureza incrible que ninguén conseguiu encadenar aínda.

O documental xira en torno á motivación de Benito por encadear a citada liña e outras que vai atopando. Durante este proceso, coñeceremos cómo é a súa vida, o seu traballo, o seu entorno… e sobre todo a súa actividade como escalador.

A filmografía do realizador Pablo Ces (Compostela, 1978) céntrase en dous grandes eixos: a memoria histórica (Cariño, 1941; As silenciadas, 2011; Miracielo. Vida e morte de Manuel Ponte Pedreira, 2011) e nos oficios tradicionais e en vías de extinción (As colareiras do Grove, 2011; Torreiros, 2012). Ten recibido diferentes premios polo seu labor, o Mestre Mateo, dous premios de Dereitos Humanos, e o recoñecemento en numerosos festivais nacionais e internacionais que seleccionaron algún dos seus documentais. Con este novo audiovisual engade, ao tema dos oficios, a actividade deportiva que ten, en Bendecorme, un dos seus grandes referentes.

5 de novembro de 2014 | 11:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.