publicidade hoxe

O Concello de Cedeira solicitará á Xunta a declaración do Samaín como Festa de Interese Turístico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeiraLocal Portada
A-
A+

O pleno da corporación municipal de Cedeira aprobou esta mañá por unanimidade solicitar á Xunta de Galicia a declaración do Samaín como Festa de Interese Turístico de Galicia. Unha iniciativa que comezará a tramitarse administrativamente nun ano, o 2014, no que a celebración cumpre o seu primeiro cuarto de século de vida. E é que a Festa do Samaín nacía en 1990 da iniciativa do profesor cedeirés Rafael López Loureiro, quen lla plantería á Sociedade Cultural Chirlateira, da que formaba parte. Asume esta entidade a organización, hoxe en mans da Asociación Cultural Amigos do Samaín e, dende os seus mesmos inicios, é de destacar a total implicación da veciñanza. Trátase dunha festa pioneira en toda Galicia que botaba a andar cun obradoiro de caliveiras na praza da vila vella de Cedeira o 27 de novembro do ano en cuestión, e que secundaban uns 200 veciños e veciñas.

Hoxe en día, a programación inclúe un amplo abano de actividades culturais, didácticas, lúdicas, gastronómicas e outras máis festivas. Iso si, trátase dunha festa viva e cambiante, co que o programa, sen abandoar as temáticas anteriores, incorpora novas accións ano tras ano. E rexistra unhas cifras de participación que, dende 1990, nunca deixaron de medrar, rebasando na actualidade os 12.000 visitantes. Os que non varían son os seus principais destinatarios: os nenos e nenas. Doutra banda, pero sen abandonar a sesión plenaria, a corporación daba luz verde aos proxectos que o Concello presentará á convocatoria do Plan de Obras e Servizos da Deputación provincial. En concreto, a mellora e ampliación do skate park e área recreativa ubicada no paseo marítimo; a mellora do firme dos viais que delimitan a praza do Peixe e a praza da Marieta, e a rúa Ezequiel López, e máis a dotación de nova iluminación para o campo municipal de fútbol. O alcalde, Luis Rubido, sinalou que a intervención proxectada no paseo permitirá ampliar as posibilidades da pista de skate, aumentando tanto o espazo destinado a esta práctica por parte de mozos e mozas como o número de elementos –rampas-.

A subvención provincial tamén permitirá mellorar, a través de obras de pavimentación e sinalización, o firme do vial que comunica o entorno da praza do Peixe e a praza da Marieta e máis o da rúa Ezequiel López. E, `por último, dotar de iluminación o campo municipal de fútbol da vila, mediante a instalación de catro torretas que permitan disputar partidos de competición e levar a cabo adestramentos en horario nocturno. Intervencións que, no seu conxunto, suman uns 140.000 euros e representan o 60% da subvención que concede a institución provincial. O 40% restante destinaráse a gasto corrente.

26 de novembro de 2014 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.