publicidade hoxe

O BNG considera o encontro de Feijóo e Besteiro como unha escena de sofá da vella política

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAllarizLocal Portada
A-
A+
Europa Press
Xavier Vence na visita a Allariz

Xavier Vence na visita a Allariz

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, criticou este mércores o encontro mantido en Santiago de Compostela entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que ve como “escena de sofá da vella política” para “beneficiar” ás cúpulas de ambos os partidos, coa repartición de postos.

Vence visitou o Concello de Allariz, onde foi recibido polo alcalde Francisco García, a preguntas sobre a reunión, sinalou que representa un tipo de política “detestada” neste momento polos cidadáns, porque non se comprende que se poidan “furtar os debates no Parlamento” sobre as necesidades “reais” do país “e logo levar aos despachos, lonxe da cidadanía, este tipo de encontros”.

Ademais, referiuse á reunión como unha “repartición de postos nun consello de administración” da CRTVG, para “beneficiar” ás “cúpulas” dos partidos representados na reunión -PP e PSdeG-, “absolutamente alagados ata as orellas de corrupción”, mentres a cidadanía “reclama resolver os problemas de transparencia e falta de limpeza”, por unha banda, e por outras solucións reais e unha política diferente, segundo detallou Vence.

NON PACTOS, SENÓN O CONTRARIO

O portavoz nacionalista tamén criticou o que considerou “escena de sofá da vella política”, pois non soluciona máis que problemas de ambos os partidos coa repartición de postos, segundo dixo, e engadiu que “é curioso” que tan sequera haxa información “clara” do que se tratará na reunión. “Esa é a mostra da política afastada dos cidadáns e que só beneficia a estes partidos, que ademais neste momento non están en gran sintonía co resto da poboación”.

Sobre a necesidade dun pacto anticorrupción, estatal e autonómico, reclamado entre outros, polo presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, José Manuel Fernández Alvariño, Vence respondeu que non se necesitan pactos “para tapar os casos de corrupción”, senón que gobernantes e políticos “tomen decisións claras” para depurar a corrupción que xa existe e “colocar filtros” que deixen fóra aos corruptos.

Así mesmo, afirmou pedir “contundencia cos casos detectados nas súas filas” a Núñez Feijóo e aos partidos, cun “compromiso de limpeza” e que tomen decisións de goberno con transparencia “e fagan traballar aos mecanismos de control que hai no país”.

Nese sentido, dixo non estar de acordo con facer pactos “que tapen a corrupción, senón todo o contrario, que se poñan en marcha os mecanismos para acabar con ela”, e expuxo a necesidade de que o primeiro pacto sexa coa cidadanía para “demostrar claramente” que se está en contra da corrupción, e pondo en marcha todas as medidas para rexenerar de verdade a vida política.

MOITO QUE OCULTAR

Vence aludiu á petición de comparecencia do presidente Núñez Feijóo ante o Parlamento, nunha sesión específica sobre “a súa relación” con todas as persoas imputadas na Pokémon, Orquestra e a recente ‘Operación Zeta’ de empresa do señor Crespo.

“Négase a comparecer o que quere dicir que ten moito que ocultar e non quere explicar a súa relación coas persoas desas tramas corruptas”, manifestou e referiuse, en concreto, á do “conseguidor Pachi Lucas” que, “ao parecer é amigo íntimo de Feijóo” e con papel “importante” na trama, segundo abundou, “para desfalcar fondos públicos e queremos que explique que hai nesa trama, en relación co PP”

Vence criticou, ademais, a negativa de Núñez Feijóo pois así “é difícil comprender” como se vai a rexenerar e mostrar aos cidadáns que se está en contra da corrupción pois, segundo aseverou, para “demostrar que é así hai que asumir responsabilidades políticas, explicar a relación persoal con esas tramas e depurar responsabilidades “para que a xente volva confiar”.

Na súa visita, o portavoz nacional recibiu varios agasallos do alcalde de Allariz, como unha reprodución en pergamiño do foro do burgo de Castro Caldelas, no que se di que está inspirado no de Allariz, e unha lámina conmemorativa dos 25 anos transcorridos desde que o BNG chegou ao Concello da vila. Ambos os políticos, ademais, percorreron as rúas e visitaron o Fogar de Maiores.

5 de novembro de 2014 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.