publicidade hoxe

López Abella avoga pola cooperación entre concellos para unha xestión máis eficaz dos recursos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoraña
A-
A+

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá na presentación do Centro de Información á Muller (CIM) que desde maio deste ano comparten os concellos de Valga e Moraña.

A presentación tivo lugar a Casa de Cultura de Moraña e nela, ademais da secretaria xeral, tamén estiveron o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro Arcos, e o alcalde de Valga, José María Bello Maneiro.

Desde a pasada lexislatura, o Goberno galego está apostando pola suma de esforzos entre administracións, na procura dunha xestión máis eficiente dos recursos e un beneficio maior para a cidadanía, xa que se evitan duplicidades e solapamentos innecesarios.

Con este obxectivo a Xunta prima nas súas axudas e subvencións a aqueles concellos que aposten pola prestación conxunta de servizos, como é o caso do CIM de Valga, que este ano decidiu presentarse ás axudas a entidades locais de Igualdade en agrupación co concello veciño de Moraña e conseguiron 13.300 euros para o seu mantemento.

O CIM de Caldas conta con tres traballadoras, entre a directora e o persoal destinado ao asesoramento psicolóxico e xurídico. Desde maio deste ano, cando comezaron a funcionar conxuntamente, xa levan atendido a 22 persoas e 59 consultas.

Rede de entidades locais contra a violencia de xénero

O Concello de Moraña está adherido á Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, que xurdiu grazas á colaboración da Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias e co obxectivo de sensibilizar á sociedade en contra da violencia machista.

A través desta Rede concedéronselle dúas actividades. En 2012 unha terapia ocupacional mediante obradoiros de artes plásticas, dirixidos a menores expostos a situacións de violencia e orientados a eliminar riscos cognitivos e de embotamento afectivo destes menores, así como mellorar a súa capacidade de autocontrol e de xestión das frustracións.

Xa o ano pasado, en 2013, o Concello de Moraña participou tamén no “Programa Desconexión” da secretaría Xeral de Igualdade que tiña por obxectivo reforzar os vínculos materno-filiais e socio-afectivos e darlle peso ao ocio e tempo libre conxunto destas nais e as súas fillas e fillos menores a través dunha serie de actividades formativas e terapéuticas, sempre cun enfoque lúdico e participativo.

25 de novembro de 2014 | 12:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.