publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Investiranse 470.000 euros na clausura dun vertedoiro controlado de residuos na Rúa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Rúa
A-
A+

O Consello da Xunta aprobou hoxe a colaboración técnica e financeira da Consellería de Medio Ambiente,Territorio e Infraestruturas co Concello da Rúa para a obra de clausura do vertedoiro controlado de residuos por un importe de 469.883 euros.

Este proxecto centrarase na selaxe do antigo vertedoiro da Rúa, e no traslado dunha parte dos residuos ao novo vertedoiro construído pola Xunta no ano 2010, explotado dende aquela data polo concello ourensán. Cabe citar que as novas instalacións se atopa a uns 600 metros do antigo vertedoiro.

O obxectivo desta actuación é evitar a vertedura incontrolada de residuos, ao tempo que se reducen os potenciais riscos para a saúde pública, a paisaxe e o medio ambiente. Ademais, esta actuación permitirá rexenerar a zona afectada, de xeito que quede integrada de novo no medio para beneficio dos cidadáns.

Cómpre lembrar que este vertedoiro para residuos inertes da Rúa foi proxectado no ano 1999 pola daquela Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, no marco do Plan para construción de vertedoiros para residuos da construción e demolición, co fin de dotar o Concello dunha instalación de xestión e eliminación para este tipo de residuos.

O vertedoiro que se vai clausurar está situado nunha parcela preto da estrada OU-933, que une A Rúa coa Roblido, aproximadamente a 2 km da primeira localidade. Esta instalación ocupa unha superficie de 8.812 m², englobada nunha parcela municipal de aproximadamente 15.000 m².

Estas instalacións, que xa esgotaron a súa capacidade, permanecen inactivas na actualidade, polo que se debe acometer a súa clausura en condicións de seguridade ambiental de acordo coa normativa de referencia na materia (Real decreto 1481/2001, de 27 de decembro, polo que se regula a eliminación de residuos mediante depósito en vertedoiros). Tal e como se explicou anteriormente, parte dos residuos industriais inertes serán trasladados ao novo vertedoiro, mentres que outra parte, a máis compactada e integrada no vertedoiro que se vai clausurar, será recolocada e selada no lugar.

A actuación de selaxe do vertedoiro esgotado concíbese como unha recuperación ambiental do espazo que ocupa e da súa contorna, e como accións máis destacadas comprende a retirada de voluminosos, o reacondicionamento e recolocación de residuos ou a recuperación da topografía do terreo. Outras accións destacables son a restauración mediante cobertura de solos e implantación de cuberta vexetal e a integración ambiental e paisaxística.

27 de novembro de 2014 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.