publicidade hoxe

Investiranse 1,3 millóns de euros nos 14 concellos da área territorial de Vigo para a ampliación, mellora e mantemento estradas rurais

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, acompañada polo xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar, Miguel Pérez Dubois, informou esta mañá en rolda de prensa da nova convocatoria de axudas do Plan Marco, programa de mellora de camiños de titularidade municipal 2014-2015, cofinanciado con fondos Feader no marco do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2015.

Coma novidade este ano, e a través dun convenio de colaboración firmado entre o departamento que dirixe a conselleira Rosa Quintana e a Deputación de Pontevedra, os concellos da provincia beneficiaranse dun investimento de preto de 6 millóns de euros para a ampliación, mellora e mantemento de camiños de titularidade municipal. Para desenvolver dito plan, segundo explicou Bravo Bosch, os criterios de reparto foron consensuados entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). De tal xeito, os concellos de Pontevedra recibirán arredor de 5 millóns de euros (en concreto 4.885.847 euros) aínda que “co IVE que deben aportar os concellos, o investimento será dun total de máis de 6 millóns de euros”.

Coma explicou a delegada, no que respecta á área territorial de Vigo estes datos tradúcense nun investimento global de case 1,3 millóns de euros (IVE incluído) para os 14 concellos que conforman o ámbito da Delegación Territorial viguesa sendo as axudas concedidas por parte da Xunta de Galicia de máis de un millón de euros. Isto significa un incremento con respecto á anterior convocatoria 2013/2014 que chega case ao 75% xa que o investimento total foi de 720.000 euros. O importante incremento deste novo Plan permitirá atender proxectos que melloren un maior número de camiños, o que repercutirá nunha mellora das condicións de vida dos residentes nas áreas rurais, poñendo en valor as dotacións existentes de infraestruturas básicas.

A cidade de Vigo é a que resulta maior beneficiada xa que recibirá un total de 120.000 euros para poder executar melloras nas estradas das zonas rurais do municipio sendo así a cantidade global de investimento –engadindo o IVE- de máis de 145.000 euros. Unha vez saia publicada no DOG esta nova convocatoria de axudas, os concellos deben presentar os seus proxectos aos que se destinan as cantidades xa preestablecidas.

Na seguinte táboa figuran os datos de asignación por concellos da área territorial de Vigo (IVE incluído):

CONCELLOS
2014-2015
BAIONA
70.097 euros
CANGAS
105.644 euros

FORNELOS DE MONTES

67.553 euros
GONDOMAR
101.457 euros
MOAÑA
100.839 euros
MOS
84.468 euros
NIGRÁN
79.462 euros
PAZOS DE BORBÉN
66.848 euros
PORRIÑO, O
101.558 euros
REDONDELA
77.885 euros

SALCEDA DE CASELAS

86.777 euros

SALVATERRA DE MIÑO

110.588 euros
SOUTOMAIOR
64.554 euros
VIGO
145.239 euros
TOTAL

1.262.969,00 €

O Plan Marco 2014-2015 é continuación do de 2013-2014. O seu obxectivo principal é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais, poñendo en valor as dotacións existentes de infraestruturas básicas, e levar a cabo actuacións dirixidas a fomentar a implantación e mellora dos servizos básicos demandados pola poboación rural.

O feito de que todos os concellos poidan dispor duns fondos preestablecidos para a mellora da súa rede viaria resulta fundamental despois dun inverno que provocou estragos nos camiños de titularidade municipal.

A través deste Plan, os concellos de Galicia beneficiaranse de máis de 25,5 millóns de euros para a ampliación, mellora e mantemento de camiños de titularidade municipal. Esta contía supón un incremento de máis do 82% respecto da do Plan Marco 2013-2014, que foi de preto de 14 millóns de euros. Ademais, o Plan Marco 2014-2015, impulsado pola Consellería do Medio Rural e do Mar, inclúe como novidade que unha parte importante da cofinanciación será aportada polas deputacións provinciais. Deste xeito, abórdase o desenvolvemento rural dende unha perspectiva integral e refórzase a colaboración entre as administracións co obxectivo de pór en marcha actuacións que redunden na mellor prestación de servizos á poboación por parte dos concellos.

A nova cofinanciación do Plan Marco distribuirase de xeito que o 75% irá con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), o MAGRAMA aportará un 12,13% dos fondos e a Xunta e as deputacións provinciais o 12,87% restante. Os concellos beneficiarios das achegas serán os encargados do pagamento do Imposto do Valor Engadido (IVE). Este reparto amosa a colaboración ordenada de todas as Administracións, baixo a coordinación da Xunta de Galicia. A vixencia destes convenios estenderase desde a data da súa sinatura ata o 31 de decembro de 2015.

10 de novembro de 2014 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.