publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

‘Falaredes’ visita sete novos concellos co ‘Brinca vai de aquí a acolá!’ e ‘Os sons do vento que pasa’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA RúaCuntisFozO BoloRedondelaViana do BoloXunqueira de Espadanedo
A-
A+

O programa de fomento do galego FalaRedes, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, leva esta semana as propostas Brinca vai de aquí a acolá! e Os sons do vento que pasa a sete novos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

O concerto-obradoiro infantil chegará mañá á vila pontevedresa de Redondela, ás 18:30 h no Multiúsos do Piñeiral do Crego, en Chapela. O sábado será a xente miúda das localidades ourensás de Xunqueira de Espadanedo (ás 12:00 h no Salón dos Claustros) e de Viana do Bolo (ás 18:00 h na Casa da Cultura) a que bailará e cantará con Paco Nogueiras, que o domingo fará parada no Bolo (ás 13:00 no Salón Multiúsos do Castelo) e na Rúa (ás 17:00 h no Centro Cultural Avenida).

Pola súa banda, os músicos Gonçalo Guerreiro e Dani Pais teñen unha cita o sábado coa veciñanza do concello lucense de Foz (ás 20:00 h no salón de actos da Casa da Cultura) e o domingo coa do pontevedrés de Cuntis (ás 20:00 h na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres). Coma sempre en FalaRedes, a entrada a estas propostas será libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Ambas as dúas actividades achegan o galego ao público no seu tempo de lecer. Destinado a nenos e nenas de 6 a 9 anos e ás súas familias, no Brinca vai de aquí a acolá! o artista Paco Nogueiras conquista a xente miúda da casa con atractivos ritmos e divertidas cancións que os nenos e nenas siguen cantando mesmo tras finalizar o evento.

Dirixido ao público de todas as idades, Os sons do vento que pasa mergulla o espectador na música tradicional portuguesa a través da lingua propia de Galicia, nun orixinal espectáculo no que Gonçalo Guerreiro pon a voz e que Dani Pais enriquece con efectos musicais e dixitais.

Próximas paradas

Tras as funcións desta semana, o Brinca vai de aquí a acolá! visitará proximamente Cangas, Melón, Arbo, A Laracha, Boiro, Frades, O Vicedo e Melide. Xa en decembro, Paco Nogueiras e o seu característico chapeu farán parada en Viveiro, Boborás, Corcubión, Santa Comba, A Coruña, Ramirás, Bergondo e Forcarei.

Mentres, o concerto de fados chega á recta final da súa xira en exclusiva polos concellos da Rede de Dinamización Lingüística, que pechará en decembro con concertos na vila coruñesa de Arzúa e na pontevedresa de Baiona.

Ata finais de ano FalaRedes chegará durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da RDL a través de seis actividades con preto de 200 sesións gratuítas. Máis información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.

13 de novembro de 2014 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.