publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cultura investirá 344.000 euros na restauración e consolidación de cinco pontes históricas

Sinatura do convenio para a restauración das pontes históricas. Foto: X. Crespo

Sinatura do convenio para a restauración das pontes históricas. Foto: X. Crespo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá arredor duns 344.000 euros na restauración e consolidación de cinco pontes históricas nas provincias de Ourense e Pontevedra. As obras, que están sufragadas na súa totalidade polo departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad, acometeranse ao longo de 2015.

Así o avanzou o conselleiro Vázquez Abad logo de firmar hoxe os respectivos acordos de colaboración cos alcaldes de Avión, Antonio Montero; do Barco de Valdeorras, Alfredo García; de Vilamartín de Valdeorras, María Jesús Candal; de Salvaterra de Miño, Arturo Grandal; de Vila de Cruces, Jesús Otero; e de Silleda, Manuel Cuíña, para levar a cabo estas obras.

Deste xeito, a Consellería, a través da Dirección Xeral de Patrimonio, iniciará o proceso para a salvagarda e conservación da Ponte de Couso (Avión), da Ponte Éntoma e o seu contorno (Barco de Valdeorras), da Ponte da Portela (Vilamartín de Valdeorras), na Ponte de Fillaboa (Salvaterra de Miño), e na Ponte do Demo (Vila de Cruces – Silleda). Todas estas intervencións enmárcase dentro das actuacións sobre o patrimonio cultural que forma parte da obra civil de Galicia previsto para o vindeiro 2015.

Provincia de Ourense

Na provincia de Ourense, o departamento de Cultura acometerá obras de reparación e consolidación en tres pontes. Trátase da Ponte de Couso (Avión) onde o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad ten previsto restaurar e recuperar a infraestrutura co obxecto de que non se perda a súa funcionalidade. A esta intervención de reparación e consolidación destina un investimento total de 79.225 euros. En concreto están previstas actuacións de reforzo na fábrica que aínda está en pé. Ademais a parte derrubada repoñerase con materiais orixinais recuperados do leito do río.

Pola súa banda, acometerase a restauración da Ponte de Éntoma, no Barco de Valdeorras, que se dotará cun investimento duns 72.400 euros. As obras inclúen a roza das marxes e clareo de árbores de ribeira que danan a fábrica da ponte; a limpeza de vexetación, retacado, ripiado e rexuntado con morteiro de cal hidráulica da cachotaría, a demolición de pavimentos de formigón existentes, a execución de novo pavimento da calzada de esquisto de catou ou chapacuña sobre base de formigón de reparto de cargas; e a execución de novos peitorís en mampostería de lousa.

En Vilamartín de Valdeorras a Consellería procederá a rehabilitar a Ponte da Portela, á que se destinarán 20.300 euros. O obxecto destas obras é repoñer as partes desaparecidas da ponte que poden afectar á súa seguridade de uso, mellorar as condicións de acceso viario, roza, limpeza, desmonte, rasanteo e perfilado do terreo afectado. Tamén se construirá unha protección para o estribo cun muro de escolleira; eliminación de vexetación e brións nas xuntas da pedra; reconstrución dos peitorís e formación da capa de rodadura final. Neste caso o Concello encargouse da redacción do proxecto destas.

Provincia de Pontevedra

En Pontevedra acometeranse obras na Ponte de Fillaboa (Salvaterra de Miño) e na Ponte do Demo (nos concellos de Vila de Cruces e de Silleda).

Na Ponte de Fillaboa, no concello de Salvaterra, a Consellería investirá en torno aos 117.000 euros en obras de consolidación e restauración. Para iso, como se recolle no proxecto elaborado para tal fin, procederase a consolidar e recalzar a cimentación da pila número 2. A actuación inclúe tamén a reparación do tallamar desta pila, así como asegurar a estabilidade da bóveda número 2 mediante un tirante.

Por último, na Ponte do Demo, en Carboeiro, nos concellos de Silleda e Vila de Cruces, a Consellería investirá case 55.000 euros co obxectivo fundamental de repoñer as partes desaparecidas da ponte que poden afectar a súa estabilidade. A estes efectos encargouse un proxecto de restauración do tímpano e muro de encanamento da ponte. A actuación a desenvolver pasa por repoñer os elementos de fábrica perdidos, construíndoos de xeito máis sólido. A tipoloxía da nova fábrica a empregar será similar á orixinal da ponte, aínda que se diferenciará pola cor, textura e aparello perseguindo a integración estética.

Todos estes traballos reforzan a aposta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por manter o patrimonio histórico de Galicia, como é o caso destas pontes que agora serán obxecto dunha intervención específica. De feito, a contía total que a Consellería destinará á promoción e conservación do patrimonio cultural de Galicia, está previsto que supere os 18 millóns de euros logo de reprogramarse os fondos FEDER do programa operativo 07-13 e a súa incorporación ao exercicio 2015.

12 de novembro de 2014 | 13:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.