publicidade hoxe

Cores Tourís comproba as obras do Plan Marco que se executaron nas Neves

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs NevesPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita ás Neves

Cores Tourís na visita ás Neves

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras que se executaron en catro camiños rurais das parroquias de Cerdeira, Vide e San Xosé de Ribarteme de As Neves, dentro do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e do Mar en compaña do alcalde do municipio, Raúl Emilio Castro e do xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois.

As obras, que contaron cun orzamento superior aos 61.300 executáronse nas pistas de Aldea e Igrexa en Cerdeira, do camiño de Extrema de San Xosé de Ribarteme e da Escola-Xeitosa en Vide.

No caso do camiño de Aldea en Cerdeira, arranxáronse fochas, dotouse ao firme de capa de rodaxe con aglomerado en quente e levouse a cabo o recrecido de pozos. Tamén se mellorou o drenaxe con canaleta e imbornal. No camiño da Igrexa, nesta mesma parroquia, executouse a limpeza das cunetas e das marxes das pistas, así como o arranxo de fochas e a dotación de capa de rodaxe con aglomerado en quente. Esta mesma actuación foi a que se aplicou no camiño de Extrema en San Xosé de Ribarteme. Finalmente, no camiño da Escola-Xeitosa en Vide, arranxáronse fochas e dotouse ao firme de capa de rodaxe con aglomerado en quente. “En total, melloráronse 1.230 metros de camiños rurais”, explicou Cores Tourís.

“Sería interesante explicar tamén que, no caso da comarca do Condado-A Paradana, investiranse ao longo do presente ano un total de 221.500 euros dentro do Plan Marco que permite mellorar os camiños rurais. En total, no global da provincia de Pontevedra estanse a investir no 2014 para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.
O delegado territorial avanzou, ademais, que, para o exercicio 2014-15, o concello de Crecente contará con 108.252 euros de cara a afrontar novos traballos de mellora de camiños rurais.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a visita a As Neves para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.

Nos últimos anos, a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, concentracións parcelarias, etc. No caso do concello de As Neves, o investimento en mellora de vías rurais roldou os 533.000 euros en obras nos camiños de Pazo-Grela, Caíña-Pousadoiro, Portela-Batalláns, Liñares, Tortoreos e Pazo, entre outros.

3 de novembro de 2014 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.