publicidade hoxe

Confírmase a participación de 35 establecementos no Día do Comercio Local en Arzúa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArzúa
A-
A+

O Concello de Arzúa continúa coa organización do Día do Comercio Local que se celebrará o vindeiro luns, 8 de decembro. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, a iniciativa conta cun total de trinta e cinco establecementos que se sumaron a este proxeto que impulsa o goberno municipal por segundo ano consecutivo coa finalidade de promocionar o comercio, a hostalaría e os servizos do municipio.

Con este dato confírmase a boa acollida e o interese do tecido comercial pola continuidade do evento. Durante esa xornada todos os veciños e visitantes poderán desfrutar de descontos de ata o 50%, sorteos, agasallos, ofertas especiais en establecementos diversos: zapaterías, tendas de roupa, droguerías, librarías ou tendas de alimentación, entre outros.

Ademais, paralelemente, a xornada inclúe unha ruta de tapas na que os bares e cafeterías inscritos ofrecerán de balde por cada consumición unha tapa elaborada a base de receitas tradicionais como callos ou cocido e outras como tortilla de calabacín e queixo, muffin de espinacas salgadas e queixo ou xabarín con fabas.

Aproveitando a proximidade da campaña de Nadal e a feira quincenal, o Concello organiza varias actividades na rúa que se poderán desfrutar de xeito gratuíto dende as cinco ás sete da tarde, coincidindo así co horario acordado pola maioría dos participantes para abrir os comercios pola tarde, ademais de facelo durante a mañá.

Nestas dúas horas haberá instalado na Praza de Galiza un inchable, dous carriños onde se repartirán palomitas e algodón de azucre gratis, un simulador de esquí e un espazo para xogar ao tenis de mesa. Ademais, durante todo o día, non faltará a animación de rúa con Os Diverpaiasos, Fanfarria Taquikardia e Trópico de Grelos.

Como novidade deste ano, ao longo da xornada estará instalada na Praza de Galiza unha urna onde os veciños poderán ir depositando os cupóns cos que serán agasallados ao mercar nos establecementos adheridos a esta iniciativa. Ás 8 da tarde terá lugar un gran sorteo na praza onde se repartirán diversos premios: vales de 50 euros, un xantar ou cea para dúas persoas e un fin de semana de turismo rural.

O alcalde de Arzúa, José Luis García, agradece a colaboración de todos os establecementos que participarán no Día do Comercio Local o vindeiro día 8 e convida a todos os veciños e veciñas a “aproveitar esta iniciativa para realizar as súas mercas previas ao nadal e contribuir así á darlle vida ao sector comercial do noso municipio”.

24 de novembro de 2014 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.