publicidade hoxe

Cedeira aposta polo teatro afeccionado coa mostra Comediatrum

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

A Concellería de Cultura do Concello de Cedeira aposta forte polo teatro afeccionado e recupera neste mes de novembro a mostra Comediatrum. O escenario das representacións volve ser o Auditorio Municipal e o prezo das entradas, de dous euros e medio para facilitar a afluencia de público. A programación incluirá as funcións “Martini Seco”, da Agrupación Teatral Mariñán, de Betanzos; “Cóncavo Convexo”, da compañía local Teatro da Vila; “Desencaixados”, do Aturuxo de Melpómene, de Narón, e “La venganza de Don Mendo”, a cargo de Ultreia Teatro, de Ortigueira. En todos os casos, as representacións iniciaránse ás 20 horas. O programa arrancará este domingo, 9 de novembro, coa función “Martini Seco”.

Unha adaptación dos orixinais de Allan Stewart Könisgberg interpretada por Sara Zabalza, Inés Valiño, Juan J. Vázquez e José Luis Mñana. Aborda o tema do adulterio, base sobre a que se sostén a realidade do matrimonio protagonista da función. O 15 de novembro, e tras o éxito colleitado no seu debut, celebrado o pasado mes de maio no mesmo Auditorio cedeirés, a compañía local “Teatro da Vila” volverá a representar a súa primeira obra, “Cóncavo convexo”, baseada nun texto do naronés José L. Prieto.

A función xira en torno á fina liña que separa o real e o irreal, da posibilidade ou imposibilidade de diferencialo ou das bondades da imaxinación. Quique Vázquez dirixe esta peza, que interpretarán Mercedes Díaz, Josefa Nebril, Fini Nebril, Belarmino Cheda, Elvira Díaz e Estrella Leonardo. O domingo 23, O Aturuxo de Melpómene presentará no Auditorio “Desencaixados”, dirixida por Pablo Sánchez (Pablísimo). “Desencaixados” (Esperpéntica crise ) é un espectáculo traxicómico, de creación colectiva, que reflexiona sobre a crise… solución non aporta ningunha, aínda que quizais na propia reflexión estea a solución.

E, o 7 de decembro, Ultreia Teatro traerá a Cedeira “La venganza de Don Mendo”, dirixida por Elixio César Silvent. A compañía regresa a Cedeira despois de representar, con grande éxito, “La dama boba”. Nesta ocasión, ofrecerá ao público unha parodia dos dramas románticos e históricos que se sucedían no século XIX, no que aparecen aspectos comúns como a volta ao pasado medieval, a lenda, o amor, a intriga, os Castelo e o tráxico final dos personaxes.

3 de novembro de 2014 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.