publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cancela Rama acada o Campionato Galego de Arceas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesZas
A-
A+
Entrega de premio ao gañador do campionato

Entrega de premio ao gañador do campionato

O pasado sábado 22 de novembro disputouse no concello coruñés de Zas, concretamente nos terreos do Tecor San Roque de Zas, a décimo novena edición do Campionato Autonómico de Caza de Arceas organizado pola Federación Galega de Caza e contando coa colaboración da Sociedade de Cazadores de dito terreo cinexético.

Á cita acudiron un total de 22 participantes, o campión da edición anterior máis os cazadores clasificados nas respectivas fases provinciais. Cazadores que unha vez tomaron a saída tentaron, durante as cinco horas que durou a competición, dar caza á sempre complexa arcea. A xornada transcorreu sen imprevistos e, apesares da intensa choiva, os participantes avistaron ata un total de 20 arceas no transcurso da competición, aínda que as capturas foron escasas.

Foi o coruñés Manuel Cancela Rama o que fixo a primeira entrada no control ás 12:23 horas, con unha arcea abatida. Este feito fixo que á postre Manuel Cancela se convertese no novo Campión Galego de Caza de Arceas.

O lucense Francisco Javier López Salvador obtivo o subcampionato galego cunha arcea e 500 puntos, acadando, xunto con Manuel Cancela, unha praza para o vindeiro Campionato Nacional de Arceas.

A sorte quixo que, o tamén lucense, Juan Carlos Bande López acadara o terceiro posto da clasificación xeral.

Unha vez que todos os cazadores fixeran a súa entrada en control, participantes, xuíces, organización e autoridades gozaron dun xantar de irmandade no que se fixo entrega dos premios por parte das autoridades alí presentes, entre as que se atopaba o alcalde do concello de Zas, Manuel Muiños, o presidente da Sociedade de Caza anfitrioa, Pedro Nieto, presidente provincial da FGC de Pontevedra, Francisco Couselo, e o presidente, da xunta xestora da FGC, Javier Nogueira.

24 de novembro de 2014 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.