publicidade hoxe

‘Brinca vai de aquí a acolá!’ chega a Cangas, a Melón, a Arbo e á Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaArboCangasMelón
A-
A+

O concerto-obradoiro infantil Brinca vai de aquí a acolá! chegará esta semana aos concellos pontevedreses de Cangas e Arbo, ao ourensán de Melón e ao coruñés da Laracha. Farao no marco do programa de fomento do galego FalaRedes, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Mañá, esta proposta fará as delicias da xente miúda de Cangas, ás 18:00 horas no Auditorio Municipal, mentres que o sábado se atopará cos nenos e nenas de Melón, ás 12:00 horas no Multiúsos Cruceiro Gordo, e de Arbo, ás 18:00 horas no Auditorio do Centro Multiúsos.

O domingo, o actor e músico Paco Nogueiras, protagonista deste novo espectáculo infantil, desembarcará na Laracha, ás 12:00 horas na Casa da Cultura, onde a cativada ten unha cita coa diversión en galego.

No Brinca vai de aquí a acolá! a música, as cancións, o humor e o enxeño toman a palabra para convidar á creatividade e a viaxar ao longo dos doce meses do ano, achegándolle á xente miúda da casa as tradicións, a natureza, os xogos ou as festas populares.

Destinado a nenos e nenas de 6 a 9 anos e ás súas familias, no concerto-obradoiro Paco Nogueiras non tarda en conquistar o público a través dos atractivos ritmos dos que bota man. Coma sempre, a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Unha xira con 26 paradas

Da man do FalaRedes 2014, Brinca vai de aquí a acolá! chegará nos derradeiros meses do ano a 26 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Así, tras as funcións desta semana visitará Boiro, Frades, O Vicedo e Melide. Xa en decembro, tocaralle a quenda a Viveiro, Boborás, Corcubión, Santa Comba, A Coruña, Ramirás, Bergondo, Forcarei e Barro.

Ata finais de ano, FalaRedes chegará durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da RDL a través de seis actividades con preto de 200 sesións gratuítas. Máis información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.

20 de novembro de 2014 | 11:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.