publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Autorízase o reforzo das medidas de control da poboación do xabaril no concello de Melide

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMelidePortada dereita
A-
A+

A Delegación Territorial da Xunta de Galicia na Coruña ven de autorizar á agrupación de cazadores de Melide a adopción de medidas para reforzar o control da poboación do xabaril neste municipio. Así, ademais dos días sinalados no plan anual de caza para a realización de batidas, estas ampliaranse durante sete sábados máis ata o mes de xaneiro. Así, o calendario inclúe os días 15, 22 e 29 de novembro, 13, 20 e 27 de decembro e 3 de xaneiro.

Desde o departamento autonómico estase a facer un seguimento da situación real e das zonas máis afectadas pola presenza do xabaril, que está a provocar danos tanto no ámbito agrícola como no relativo á seguridade viaria e incluso nas áreas urbanas. Por iso, mantéñense conversas de xeito continuado tanto cos representantes dos sectores afectados por esta situación como dos propios concellos para minimizar o impacto que xera a superpoboación desta especie sobre as colleitas, as zonas verdes e o tráfico. De feito, nos últimos tempos Conservación da Natureza vén esixindo de xeito rigoroso aos tecores o cumprimento dos cupos de captura de xabaril establecidos no Plan de ordenación dos recursos cinexéticos.

Na mesma liña, dende a Xunta tomáronse unha serie de medidas como a clasificación dos concellos segundo a intensidade dos danos ocasionados polo xabaril, a ampliación do período hábil de caza e a axilización administrativa para autorización de batidas. O resultado final destas medidas é o incremento de capturas de xabaril na provincia da Coruña, tendo en conta que nas últimas tres tempadas constátase un aumento do 63% respecto a anos anteriores. Desde o departamento autonómico tamén se recorda aos propietarios a obrigatoriedade de manter limpas as súas fincas, co fin de evitar o asentamento de piaras.

15 de novembro de 2014 | 11:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.