publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As Neves aforrará 7.200 euros ao ano no seu recibo da luz coa mellora da eficiencia enerxética

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs NevesPontevedra
A-
A+
Cores Tourís en As Neves

Cores Tourís en As Neves

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras executadas no concello de As Neves para mellorar a eficiencia enerxética deste municipio, executadas a través dunha liña de axudas da Consellería de Economía e Industria.

Na visita o delegado territorial estivo acompañado da tenente alcalde da localidade, María del Carmen Gil, así como do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.

José Manuel Cores Tourís destacou os 56.700 euros de investimento que se destinaron a obras de mellora enerxética no concello de As Neves e dos que 48.200 euros corresponderon a subvención aportada pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Enerxético de Galicia.

“En concreto cambiáronse 168 puntos de luz en distintas parroquias de este concello o que suporá un aforro de case 7.200 euros anuais no recibo da luz do concello”, explicou Cores Tourís.

O responsable da Xunta en Pontevedra tamén comentou que “con esta actuación conseguirase un aforro enerxético de 55.000 kWh ao ano no municipio de As Neves”. “Esta iniciativa permitirá a redución das emisións de CO2 en 35,74 toneladas ao ano”, matizou finalmente o delegado territorial.

As obras de mellora de eficiencia enerxética de As Neves executáronse grazas a unha liña de subvención conxunta para catro concellos As Neves, Crecente, A Cañiza e Melón, cun investimento global de 200.000 euros, dos cales case 170.000 euros corresponderon a subvención aportada pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Enerxético de Galicia.

En concreto, segundo explicou o delegado territorial, na agrupación destes catro concellos executaranse melloras en 15 instalacións e 544 puntos de luz, “o que permitirá aforrar 130,12 toneladas de CO2 ao ano”. Ademais, segundo apuntou o delegado territorial, estas obras permitirán aforrar 200.176 kWH ao ano o que se traduce nun aforro económico estimado de 32.481,12 euros en 12 meses.

“A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético dos concellos nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou Cores Tourís. Deste xeito, resaltou, “a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, mostra unha especial sensibilidade cos municipios por ser a administración local a máis achegada aos cidadáns”, tendo as medidas adoptadas un maior grao de visibilidade e repercusión pública.

Segundo apuntou o delegado territorial, a Xunta de Galicia destinou este ano 4,5 millóns de euros a este programa de iluminación exterior do Inega, un 15% máis que na anterior convocatoria, “dos cales 1,3 corresponden á provincia de Pontevedra, onde se promoveron 6 proxectos de agrupacións municipais de ata 9 municipios”.

En total, 32 concellos da provincia de Pontevedra téñense beneficiado xa dun programa que lles permite instalar equipos máis eficientes e que, desta volta, promoveu unha vez máis os proxectos colaborativos como o de Crecente, As Neves, A Cañiza e Melón, que viron incrementada a contía da axuda ata o 85%, fomentándose así a cooperación institucional e diminuíndo os custos de execución.

26 de novembro de 2014 | 13:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.