publicidade hoxe

Arzúa programa unha completa axenda con motivo do Día Internacional do Neno

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArzúa
A-
A+

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa celebra, un ano máis, o Día Internacional do Neno con varias actividades culturais para o desfrute dos escolares arzuáns.

Os nenos e nenas dos centros educativos de Arzúa poderán asistir a concertos musicais e didácticos organizados polo Concello de Arzúa e que se realizarán en horario lectivo na Casa da Cultura.

O primeiro deles será mañá martes, día 18, para os alumnos de Educación Infantil que poderán gozar dun concerto didáctico e interactivo a cargo da compañía ‘Os tres tenedores’ e o seu espectáculo Ensalada de instrumentos.

O mércores, día 19, será a quenda para os alumnos de 1º, 2º e 3º curso de Educación Primaria que participarán na representación Son+D2, Concerto Didáctico do grupo liderado por Xoan Curiel que repasará de xeito ameno e divertido as diferentes músicas e instrumentos de diferentes partes do mundo.

A proposta orientada aos escolares de 4º, 5º e 6º de Primaria terá lugar o xoves día 20. O espectáculo musical titulado De Haendel a Coldplay servirá como un divertido percorrido pola historia da música presentando as distintas familias de instrumentos e algunhas nocións musicais a cargo do “Trío Brigantia” formado por frauta, violín e violonchelo.

A clausura terá lugar o venres 21, os mozos e mozas da ESO e varios cursos de Bacharelato pecharán este programa de actuacións con “Ses” e o seu recital Ses na escola no que a cantautora, acompañada do guitarrista Tito Calviño, repasa temas como a música en Galicia, o galego ou a sociedade interactuando co público.

Todas as actuacións serán ás once e media da mañá na Casa da Cultura.

O alcade do Concello de Arzúa, José Luís García López, sinala a importancia destas actividades “que serven para enriquecer culturalmente aos nenos e nenas do noso concello” engadindo ademais que “tratamos de acomodar as actividades ao horario escolar para facilitar así a asistencia de todos os cativos independentemente da súa idade ou do lugar no que vivan”.Nas actividades participarán de balde máis de cincocentos rapaces e rapazas.

17 de novembro de 2014 | 12:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.