publicidade hoxe

Arzúa programa o cuarto ciclo de monólogos Noites de Contos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArzúa
A-
A+

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza o cuarto ciclo de monólogos Noites de Contos. Este programa de lecer ten como obxectivo fundamental concienciar sobre o uso do galego nos contextos de ocio e apoiar a valorización e a protección do noso idioma.

O Concello de Arzúa organiza este ciclo de monólogos despois do éxito das edicións anteriores nas que participaron actores e actrices galegos de primeira liña como Quico Cadaval, Paula Carballeira, Isabel Risco, Cándido Pazó ou Avelino González.

Para este ano, o primeiro dos monólogos vai ter lugar este venres, 14 de novembro, da man de Pepe Capelán, que baixo o título Contos dun rapaz da aldea, presentarase ante o público en Arzúa chegado desde o programa Bamboleo da TVG no que traballa como colaborador.

O seguinte monólogo será o venres 21. O actor Pedro Brandariz amosaranos o espectáculo P.G.U. (Partido de Gordos Unidos). Brandariz vén máis que avalado pola súa longa traxectoria profesional no teatro e participando en varios programas televisivos como fai na actualidade formando parte do dúo ‘O Gordo e o Calvo’ que pon a nota de humor ao veterano espazo da televisión autonómica, Luar.

E por último, o venres 28 de novembro, a quenda será para Luis Zahera, que nos fará rir co seu monólogo Chungo. Este acadou grande popularidade co seu papel de Petróleo na serie Mareas Vivas da canle autonómica. A nivel estatal ten interpretado roles para series como Motivos Personales e actuado nas longametraxes Alatriste ou Celda 211 pola que recibiu un premio Mestre Mateo.

Este último monólogo substitúe ao programado nun principio do tamén actor galego Isi que caeu do cartel por problemas persoais.

Todos os espectáculos levaranse a cabo ás nove da noite na Capela da Madanela e están dirixidos a un público adulto. A entrada é libre e mañá mesmo xa poderemos desfrutar do primeiro dos monólogos graza ao bo facer de Pepe Capelán.

O alcalde de Arzúa, José Luis García, convida a todos os veciños a participar un ano máis “deste entretido ciclo de monólogos que completa unha extensa programación cultural que dende o concello organizamos para amenizarlle a tempada de outono a todos os nosos veciños”.

13 de novembro de 2014 | 11:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.