Arume Fotografía é o establecemento favorito dos clientes do CCA de Betanzos
O establecemento Arume Fotografía foi escollido como o favorito dos participantes na iniciativa da Consellería de Economía e Industria Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolveu durante todo o mes de outubro nos negocios asociados ao CCA de Betanzos.
Esta empresa familiar, con case tres décadas de traxectoria e no que actualmente conviven xa dúas xeracións, foi o que máis clics recibiu en www.maisquecomercio.com, web na que os clientes podían participar nun xogo en liña por cada 5€ de compra e optar a diferentes premios ao tempo que elixían o seu comercio preferido.
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, que foi a encargada xunto coa delegada da Xunta, Belén do Campo, de entregar o diploma ao establecemento máis votado nun acto no que tamén se entregaron agasallos aos clientes gañadores, salientou que ademais de destacar o traballo dos centros comerciais abertos Máis que comercio! ten por obxectivo resaltar os valores do comercio de proximidade, como son a calidade, o trato ao cliente ou a variedade.
A iniciativa da Consellería de Economía e Industria, que en Betanzos superou as 13.000 participacións, está a percorrer Galicia durante todo o ano, desenvolvéndose cada mes en cinco centros comerciais abertos.
Sol Vázquez Abeal lembrou que o impulso ao asociacionismo é un dos eixes da estratexia específica da Consellería de Economía e Industria de apoio ao comercio de proximidade, dentro da cal se inclúe o programa de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, nas cales o CCA de Betanzos resultou beneficiado con apoios por 40.000 euros.