publicidade hoxe

Artistas de primeiro nivel participarán na Gala Benéfica contra o Cancro en Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOurense
A-
A+

A Asociación Cultural As Canellas xunto coa produtora audiovisual Claqueta Coqueta organizan a II Gala Benéfica Contra o Cancro na cidade ourensá. Tralo éxito da primeira edición que conseguiu encher o auditorio ourensán con representación de referentes da música galega como Susana Seivane, Emilio Rúa, Lucía Pérez ou Daniel Minimalia entre outros. Esta iniciativa nace da “necesidade de crear un evento artístico que sirva para reivindicar a cohesión social e para xuntos axudar a colaborar cunha causa xusta, amosando a solidariedade da cidadanía”, en palabras de David Rodríguez, presidente da Asociación Cultural Xuvenil As Canellas.

Os presentadores da gala serán a actriz Isabel Risco (recentemente Premio Mestre Mateo á mellor actriz) e o actor ourensán Rubén Riós, organizador do evento a través do programa de responsabilidade social da súa produtora, Claqueta Coqueta, o cal explica: “Hai que intentar aportar todo o posible a estas accións solidarias”. Eles serán os encargados de dar paso, co seu característico sentido do humor, a un conxunto de actuacións musicais que amenizarán a velada no Auditorio: Rosa Cedrón, a voz durante nove anos do mítico grupo Luar na Lubre, agora en carreira en solitario, que compartirá grandes clásicos e temas do seu novo disco, ao igual que o compositor santiagués Luis Emilio Batallán, que chega a Ourense cun novo disco baixo o brazo; “Había que chegar”. No apartado musical, Gustavo Almeida, cantautor brasileiro afincado en Pontevedra presentará temas do seu novo disco: “Desde el coche”. O toque de baile e danza da gala correrá a cargo dos grupos Meigas Tribal (danzas tribais inspiradas en Oriente Medio) e Feel That Crew (danza moderna influenciada polos estilos rap e hip-hop).

A cita é para o próximo venres 19 de decembro, ás 20.30 horas no Auditorio Municipal de Ourense.

21 de novembro de 2014 | 20:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.