publicidade hoxe

Alfonso Rueda visita as actuacións levadas a cabo en Vilalba co fondo de compensación ambiental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilalba
A-
A+

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda visitou hoxe o concello de Vilalba onde coñeceu as actuacións que se están levando ao abeiro de axudas da Vicepresidencia.

Alfonso Rueda que estivo acompañado na visita polo alcalde da localidade, Gerardo Criado e pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias destacou que concretamente grazas as subvencións do Fondo de compensación Ambiental, o Concello de Vilalba leva recibidos máis de 1,1 millóns de euros nos últimos cinco anos.

O Fondo procede do canon eólico e beneficia aos concellos galegos dende xa hai cinco anos, beneficiando tanto aos concellos coma aos cidadáns, xa que subvencionan investimentos relacionados coa mellora do entorno e a conservación do noso medio ambiente.

Estanse a subvencionar múltiples iniciativas, como mellora do saneamento e depuración de augas residuais, as melloras no abastecemento dos subministros de auga potable, a eficiencia enerxética, a recuperación de espazos naturais ou a dotación de medios materiais e humanos para a conservación ambiental, entre outras moitas actuacións.

No caso do Vilalba, nestes anos leváronse a cabo obras de mellora e conservación de viais e rutas de sendeirismo, que este ano reciben unha subvención da Xunta de máis de 180.000 euros. Con estas melloras de camiños lógranse múltiples beneficios, como aumentar a seguridade vial, contribuír á prevención de incendios, xa que actúan como cortalumes e mellorar a accesibilidade dos veciños.

Na convocatoria do Fondo de Compensación Ambiental 2014, un total de 30 concellos da provincia de Lugo acadaron 3,2 millóns de euros para poder levar a cabo actuacións de mellora e conservación do medio ambiente. Polo que o Fondo de Compensación Ambiental ten un triplo beneficio, para as arcas dos concellos, para o medio ambiente e para o reequilibrio territorial, pero por riba de todo o beneficio é para os cidadáns.

Finalmente o vicepresidente incidiu que o goberno galego seguirá reforzando no 2015 a cooperación cos concellos, mantendo o Fondo de Cooperación Local, o Fondo de Compensación Ambiental, apoiando aos concellos que cooperen e con novas liñas de axudas dirixidas fundamentalmente aos concellos rurais.

19 de novembro de 2014 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.