publicidade hoxe

A Xunta sortea 24 vivendas de promoción pública en Ortigueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOrtigueira
A-
A+

O Instituto Galego da Vivenda e Solo, dependente da Xunta de Galicia, sorteou ante notario 24 vivendas de promoción pública no concello de Ortigueira, un procedemento no que participaron todos os inscritos antes do 31 de outubro pasado no Rexistro de Demandantes de Vivenda.

O resultado do sorteo publicarase na páxina web do IGVS (http://igvs.es/web/actuamos/719) e exporase no taboleiro de anuncios do concello e da área provincial do IGVS na Coruña. Unha vez expostas as listas, os interesados disporán dun prazo de dez días para a presentación de alegacións.

As vivendas están situadas nun edificio da rúa Xeneral Franco 55-61, composto de soto dedicado a garaxe e rochos; planta baixa para garaxe, acceso a vivendas e dous locais comerciais con acceso dende a rúa e tres plantas altas dedicadas a vivenda, así como a planta baixo cuberta tamén dedicada a vivenda.

As vivendas corresponden ao seguinte reparto:

– 8 vivendas de dous dormitorios (entre 53,5-57 m2 útiles)
– 8 vivendas de un dormitorio (entre 41,5-42,5 m2 útiles)
– Todas dispoñen de garaxe (25 m2) e rocho (entre 3,5 e 4,7 m2).

As vivendas adxudicaranse en réxime de compravenda ou alugueiro en función dos ingresos familiares. A normativa establece que é obrigatorio adxudicar en réxime de alugueiro cando os ingresos familiares non superan 1,5 veces o Iprem.

O prezo de venda ou o importe do alugueiro depende da superficie da vivenda e dos ingresos familiares ponderados, xa que sobre o valor da vivenda aplícanse reducións do 30, 40 ou 50 por cento en función de ditos ingresos.

Desta maneira, os prezos de venda oscilarán entre 21.000 e 57.000 euros e a renda mensual entre 60 e 140 euros.

O Instituto Galego de Vivenda e Solo investiu máis de 1,3 millóns de euros nas 24 vivendas.

26 de novembro de 2014 | 12:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.