publicidade hoxe

A Xunta investirá 214.000 euros na mellora da captación de auga en Vilamartín de Valdeorras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilamartín de Valdeorras
A-
A+

O Consello da Xunta de Galicia aprobou na súa reunión de hoxe a colaboración técnico-financeira do Goberno galego co concello de Vilamartín de Valdeorras para a execución da obra de mellora da captación de auga desta vila ourensá, cun investimento de algo máis de 214.000 de euros. As obras terán unha duración de catro meses.

As obras supoñen a execución das actuacións necesarias para renovar o servizo de abastecemento deste concello, que ten unha poboación de preto de 2.000 habitantes. Actualmente, o núcleo de Vilamartín abastécese dunha captación formada por un azude existente nun afluente do río Leira, que se atopa nun deficiente estado de conservación e é practicamente inaccesible, o que complica o seu mantemento. Por outra banda, unha parte da traída é de fibrocemento de 200 milímetros, moi antiga e presenta continuas roturas.

As obras previstas comezarán pola limpeza da zona do azude, a substitución do cestón de grosos por unhas reixas de desbaste finas e unha malla, e dende este punto instalarase un pequeno tramo de condución. Así mesmo, executarase unha condución de PVC cunha lonxitude total de 1859 metros, coa valvulería necesaria.

Unha vez estudada a petición do concello de Vilamartín de Valdeorras e examinada a súa situación económico-financeira, a Xunta acordou aprobar a colaboración técnico-financeira das obras e sufragar o 100 destas con cargo aos orzamentos de Augas de Galicia.

Pola súa banda, o Concello de Vilamartín de Valdeorras asume o compromiso de facerse cargo da explotación e mantemento das instalacións unha vez executadas e recibidas as obras.

20 de novembro de 2014 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.