publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta investirá 163.500 euros na mellora dos camiños rurais en Trazo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaTrazo
A-
A+
Belén do Campo en Trazo

Belén do Campo en Trazo

A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou esta mañá o concello de Trazo para supervisar o resultado das obras de acondicionamento de varios camiños rurais deste municipio realizadas ao longo deste 2014 e analizar os proxectos previstos para o vindeiro exercicio a través do Plan marco de mellora de camiños rurais de titularidade municipal que ven desenvolvendo a Consellería do Medio Rural e do Mar e que, este ano, estará cofinanciado pola Deputación da Coruña.

Así, o municipio contou no programa 2013-2014 cunha achega de 59.695 euros, que serviron para acondicionar un camiño no lugar de Millarada e outro en Santa Eufemia. Segundo comprobou Do Campo, que estivo acompañada polo alcalde, José Dafonte, actuouse sobre case 2 quilómetros de pistas, nas que se realizaron tratamentos asfálticos superficiais para mellorar a capa de rodadura e se procedeu á limpeza das cunetas.

Na mesma liña, o rexedor trasladoulle á delegada territorial o proxecto que está a elaborar o concello para continuar con estas actuacións nos vindeiros meses, que inclúe o arranxo de varioa viais nos lugares de Benza, Berreo, Chaián e Xavestre. En virtude do convenio asinado entre Medio Rural e a Deputación hai escasas semanas, o concello recibirá entre 2014 e 2015 unha achega de 103.764 euros, é dicir, un 73,8% máis que na convocatoria anterior.

O obxectivo fundamental destes fondos é o de levar a cabo actuacións que favorezan o desenvolvemento rural. Segundo salientou a delegada territorial, “con estas iniciativas búscase facilitar os desprazamentos da poboación, co fin de dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que residen nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas rurais”.

No seu percorrido pola zona, a representante do Goberno galego na provincia tamén subliñou que se trata dunha actuación que se leva a cabo nun marco de cooperación e entendemento entre a propia Xunta, a Deputación e o concello de Trazo. Neste senso, mostrouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”. Para iso, a delegada territorial reiteroulle á responsable local “todo o diálogo e apoio para buscar de xeito coordinado solucións ás demandas dos veciños”.

6 de novembro de 2014 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.