publicidade hoxe

A Xunta aposta pola cooperación entre os concellos nos CIM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBoqueixónTouro
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, visitaron esta mañá o Centro de Información á Muller de Boqueixón, que presta servizo tamén ao concello de Touro. Estiveron acompañadas polos alcaldes de Boqueixón, Jesús Sanjuás, e polo de Touro, Ignacio Codesido.

Do Campo indicou que o Goberno galego está a primar nas súas axudas e subvencións dirixidas a entidades locais a aqueles concellos que aposten pola prestación conxunta de servizos, como sucede neste caso, que recibiu este ano preto de 28.000 euros para o funcionamento das instalacións. Así, recordou que a agrupación Boqueixón-Touro concurre por segundo ano consecutivo a esta convocatoria de xeito agrupado, o que se traduce nunha xestión máis eficaz dos recursos e nun maior beneficio para os cidadáns.

Pola súa banda, López Abella explicou que a Xunta destina este ano 1,02 millóns de euros a subvencionar o funcionamento dos 29 CIM espallados por toda a provincia da Coruña -dos que se benefician 49 concellos-, dos 3,3 millóns de euros para toda Galicia. No caso concreto de Boqueixón, o concello recibiu desde 2009 máis de 191.000 euros por parte do Goberno galego para o funcionamento do CIM e para a posta en marcha de programas de promoción da igualdade, de conciliación e de prevención da violencia de xénero. Ademais, no que atinxe exclusivamente ao mantemento do centro, a achega da Xunta de Galicia ascendeu a preto de 164.000 euros nos últimos cinco anos.

O programa dedicado aos CIMs ten por obxecto colaborar coas entidades locais no funcionamento destes centros, coa finalidade de garantir a prestación dun servizo de información ás mulleres e promoción da igualdade, que lles proporcione asesoramento xurídico e psicolóxico; información sobre recursos específicos para mulleres, así como o desenvolvemento de calquera outra actividade que teña como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres e homes.

O CIM de Boqueixón conta con dúas traballadoras –unha avogada e directora e unha psicóloga- que o ano pasado atenderon a 278 persoas e 572 consultas. No primeiro semestre de 2014, o número de persoas que pasaron por estas dependencias superou as 121, acadando as 163 consultas. Ademais, o propio concello está adherido á Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, unha rede encargada de promover e apoiar proxectos de prevención da violencia de xénero e detención precoz de situacións de risco, mobilizando e implicando a toda a sociedade fronte o maltrato e xeneralizando a tolerancia cero contra as persoas agresoras.

12 de novembro de 2014 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.