publicidade hoxe

A mellora da potabilizadora de Bóveda cubrirá as necesidades de subministro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBóvedaLugo
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, revisou hoxe xunto co alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, as obras de mellora da estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Bóveda que a Xunta de Galicia acomete no devandito concello.

Deste xeito, o departamento autonómico da resposta a unha importante necesidade deste concello, evitando coa actuación tanto os problemas que puideran xurdir polos episodios de proliferación de algas no encoro de Vilasouto como as necesidades de subministración de auga dos habitantes de Bóveda, e dos usos gandeiros e empresariais neste concello.

A delegada territorial subliñou que a obra duplica a capacidade de potabilización de auga, “implicando un incremento que equivale á subministración de 2.000 habitantes”, co que se “moderniza e se incrementa a calidade e capacidade de captación para garantir un mellor servizo aos veciños de Bóveda e da súa contorna”. Na planta potabilizadora disponse, entre outras actuacións, unha terceira liña de tratamento de auga mediante filtración, co fin de incrementar a capacidade da planta dende 11 ata 17 litros/segundo.

O alcalde bovedense referiuse a que este proxecto, que “permitiría xa atender a demanda de auga no municipio en caso de producirse un corte dende a traída que parte do embalse de Vilasouto”. De feito, está rematada toda a actuación de soterramento das canalizacións que parten do Viloria e que se estenden por preto de dous quilómetros.

O rexedor referiuse precisamente a que “nas últimas datas a confederación realizou unha nova conexión dende ese embalse, o que está a deparar algunha incidencia no subministro, que estará normalizado de inmediato e que será mellorado tamén a través desta actuación que parte do río Viloria”.

Pola súa banda, a delegada territorial sinalou que as obras supoñen un investimento de máis de 570.000 euros (573.594 euros) por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de Augas de Galicia.

“Esta actuación é un exemplo do esforzo económico coa zona sur de Lugo por parte da Xunta, que neste caso demostra o seu firme compromiso coa mellora das dotacións de abastecemento e tratamento de augas nesta zona”, explicou Arias.
Ao fío disto, a propia delegada territorial referiuse a que esta sensibilidade ten boa proba “cos proxectos rematados nos últimos meses como a ETAP de Monforte, no que o Executivo galego investiu 2,5 millóns de euros, e as distintas obras que se desenvolveron en Pantón e Folgoso do Courel, que supuxeron un investimento de 1,2 millóns de euros”.

Así mesmo, Arias tamén recordou que ese compromiso mantense, por exemplo, nos orzamentos do próximo ano, nos que está prevista unha dotación económica de 500.000 euros para mellorar a rede de abastecemento de Taboada.

En definitiva, a delegada considerou que estas actuacións son proba da colaboración por parte do Executivo galego “coa mellora das dotacións de abastecemento e tratamento de augas dos concellos pequenos, que contan con menos recursos para acometer este tipo de obras”, a través das cales se pretende “garantir un servizo de abastecemento de calidade”.

Detalles do proxecto

A actuación de mellora do sistema de abastecemento e ampliación, que desenvolve a empresa Aqualogy Medio Ambiente, supón a mellora de todo o sistema de abastecemento de Bóveda, dende a captación ata a planta de potabilización.

Ademais de executar unha nova captación no río Viloria, que permitirá unha subministración de auga con calidade axeitada durante os períodos de proliferación de cianobacterias no encoro, esta auga vai a ser impulsada ata a potabilizadora mediante un bombeo con dúas bombas de 20 kw cada unha delas que foron instaladas no marco destas obras. Na planta potabilizadora dase cabida a unha nova liña de tratamento mediante filtración, co fin de incrementar a capacidade da planta ata os 17 litros/segundo.

Así mesmo, renóvanse diversos elementos da estación de tratamento, realizándose unha impermeabilización e selado dos depósitos, reparando os contadores de distribución ás parroquias e mellorando e ampliando o edificio da estación.

Paralelamente, tamén se instala un novo cadro xeral de planta que permitirá un adecuado control e funcionamento da planta, e automatízase de modo que o seu manexo sexa máis sinxelo e seguro.

3 de novembro de 2014 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.