publicidade hoxe

A internacionalización de 23 empresas e grupos lucenses logrouse con axudas por valor de 1,3 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFozLugo
A-
A+

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, subliñou hoxe que nos últimos dous anos a Xunta concedeu axudas por valor de 1.306.800 euros a 23 empresas e grupos empresariais lucenses para impulsar a súa internacionalización.

Arias fixo estas declaracións nunha xornada sobre internacionalización organizada en Foz polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) en colaboración co Círculo de Empresarios de Galicia e coa Confederación de Empresarios de Lugo, na que participaron máis dunha vintena de empresarios así como representantes da banca e das organizacións empresariais.

A delegada explicou que “co esforzo dos empresarios e o apoio do Goberno galego” as exportacións na provincia “practicamente se duplicaron dende o ano 2009 ata hoxe, tanto en valor económico coma no seu peso relativo respecto ao conxunto de Galicia”.

Para elo, explicou, “traballamos en cinco eixos, que son o fomento da cultura de internacionalización, o incremento da presenza dos nosos produtos en mercados internacionais, a atracción de investimentos, a consolidación da marca Galicia Calidade, e a unidade de acción de axentes, pemes e entidades financeiras”.

Así, dun volume exportador de 491.792,20 euros anuais, que representaba o 3% das expedicións galegas, Lugo pasou no 2013 a un total de 822.769,80 euros. Entre xaneiro e agosto de 2014 as exportacións lucenses suman 635.161 euros e supoñen de media o 5% do global galego (nos meses de abril e xuño chegaron a ser o 7%).

Este incremento supón que nos primeiros oito meses deste ano o saldo da balanza comercial da provincia de Lugo resultou positivo.

Na comunidade, o saldo medio é positivo dende o ano 2009. Galicia acadou o seu record histórico exportador no 2013 e, no que vai de ano, suma un importe de preto de 11,7 millóns de euros.

Arias desgranou estes datos para dar conta dos resultados que está a acadar a estratexia da Xunta de colaboración co tecido empresarial galego para avanzar na internacionalización das empresas galegas. Así, apuntou que a Consellería de Economía e Industria traballa con todos os instrumentos ao seu alcance, e especialmente a través do Igape, para lograr o obxectivo inicial de incrementar o volume das exportacións en máis dun 25%.

Neste encontro participaron, para contar a súa experiencia en mercados exteriores, representantes das empresas Innolact, Muebles Hermida e Construdata21. Interviñeron igualmente na xornada o director do Círculo de Empresarios de Vigo, Luís Suárez, o director da área de internacionalización do Igape, Abel Veiga, e Angel Hermida representando á Confederación de Empresarios de Lugo.

4 de novembro de 2014 | 14:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.