publicidade hoxe

A execución da estación depuradora de Malpica avanza coa finalización dos novos edificios portuarios

O director de Augas de Galicia na visita aos novos departamentos

O director de Augas de Galicia na visita aos novos departamentos

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poñerá en servizo a estación depuradora de Malpica a finais do vindeiro ano 2015. O director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, acompañado polo presidente de Portos, José Juan Durán, e o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, visitou hoxe os edificios portuarios construídos na zona da depuradora, un paso previo imprescindible para a execución da nova infraestrutura.

Os edificios visitados hoxe son a primeira actuación necesaria para ter o espazo preciso para a execución da depuradora. Unha vez completado o traslado desde os departamentos vellos, estes demoleranse e poderase iniciar a construción da nova EDAR.

Trátase duns edificios que acollerán os 13 departamentos que hai que demoler ao outro lado do porto, na zona sur do límite portuario. Os departamentos organízanse dando fronte á explanada do peirao, destinándose algúns deles a oficinas e ao Club Náutico, nos que constan aseos. Todos teñen subministro de auga, electricidade e conexión ao saneamento municipal. Tamén se inclúe na obra o acabado do edificio colindante na marxe dereita.

O lugar ocupado por esta nova edificación, o extremo sur do peirao de Malpica, foi consensuado entre Augas de Galicia, Portos de Galicia e o Concello, tras varios estudos de alternativas. Neste sentido, Gonzalo Mosqueira explicou que “esta actuación constitúe un exemplo de colaboración entre tres administracións, que se poñen de acordo para acadar un único fin: depurar as augas de Malpica e mellorar a súa calidade”.

EDAR Malpica

Augas de Galicia achega un importe de case 5,5 millóns de euros para o conxunto de actuacións precisos para a posta en servizo da EDAR de Malpica. Estes traballos de construción foron adxudicados á empresa UTE COPASA & Veolia Water Systems.

A nova depuradora resolverá as carencias no saneamento desta zona, optimizando ao máximo o espazo dispoñible. Para isto, deseñouse un tratamento biolóxico innovador. Trátase dunha tecnoloxía de biofiltros no seu proceso de depuración, que permite reducir ao mínimo o espazo que ocupará a nova planta depuradora. Este aspecto, sumado a que a EDAR será confinada nun edificio de formigón, pedra e madeira, facilitará a súa integración no entorno portuario de Malpica, reducindo significativamente o seu impacto visual.

A estación contará cunha depuración biolóxica para reducir a materia orgánica, a través dunha biofiltración acompañada de desinfección para limitar a emisión de contaminación microbiolóxica ao medio.

4 de novembro de 2014 | 13:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.