publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra ingresará 10 millóns de euros pola venda de 16 parcelas e 75.194 m2 do polígono de Barro-Meis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarroLocal PortadaMeisPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra ingresará 10 millóns de euros pola venda de 16 parcelas e 75.194 m2 do polígono industrial de Barro-Meis ás empresas Supermercados Froiz (15) e Novas Rías (1).

Segundo informou hoxe en rolda de prensa o presidente da institución provincial, Rafael Louzán, o ingreso está comprendido no pagamento aprazado co que se allearon parcelas do polígono.

Louzán indicou que hoxe tivo lugar a apertura da oferta económica destas empresas polo dereito de superficie e compra das parcelas do polígono.

A oferta de Froiz foi para 15 parcelas e 73.394 m2, cun canon anual de 457.850 euros; a de Novas Rías foi para unha parcela de 1.800 m2 e un canon de 344.00 euros. O tipo base da venda das parcelas é de 105 euros o m2.

Froiz instalará, en 73.394 m2, dúas naves de almacenamento de produtos secos e frescos, un almacén de palés, un edificio para comedor e vestiarios, un tren de lavado de camións, un despacho de gasóleo e dúas zonas axardinadas de máis de 4.000 m2; Novas Rías instalará un garaxe-almacén nunha parcela de 1.800 m2.

Cos 22.000 m2 adquiridos anteriormente por outras empresas, hoxe a ocupación do polígono é de 97.194 m2, preto do 50%, xa que o parque industrial ten unha superficie total de 261.000 m2 (hai que descontar o espazo ocupado por vías e outros servizos).

Novo prazo de compra ó longo de 2015

Louzán explicou que a partir do 1 de xaneiro –en vista de que novas empresas se interesaron por parcelas do polígono, unha vez rematado o concurso anterior o pasado 3 de novembro– a Deputación abrirá un novo prazo, que estará vixente ó longo de todo o ano, para que as empresas que o soliciten poidan acceder á compra dunha parcela nas condicións que agora están vixentes, é dicir, a 105 euros o m2.

O presidente da Deputación afirmou que o polígono de Barro-Meis será un polo de atracción de empresas e de creación de emprego, xa que a localización nel de Supermercados Froiz actuará de locomotora para a implantación de novas empresas, moitas delas complementarias á súa actividade.

“En Barro-Meis fixemos un grande investimento e hoxe xa está o 50% da súa superficie ocupada. Non buscamos beneficios senón non perder e xerar emprego e riqueza, polo que estou seguro de que, ó remate do proceso, lle reintegraremos á Deputación o investimento feito”, concluíu.

14 de novembro de 2014 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.