publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A corporación de Sober creará unha mesa local de coordinación contra a violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

A Corporación de Sober aprobou no pleno do xoves a constitución dunha Mesa Local de Coordinación contra a violencia de xénero como un instrumento esencial e operativo na loita contra esta lacra. O Pleno acordou ademais instar á Xunta a apoiar a creación, activación e dinamización deste tipo de mesas locais a través da elaboración dun regulamento de organización e funcionamento para acadar unha mellor coordinación entre as administracións central, autonómica e local.

O obxectivo é sistematizar o funcionamento das mesas en todos os concellos de Galicia na procura dunha maior implicación de todas as instancias e, consecuentemente, da detección precoz dos casos de violencia.

A Mesa estará composta por unha representación dos Servizos sociais municipais, os Centros Educativos, o Centro de atención sanitaria, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, un representante do ámbito xudicial e unha persoa técnica da Concellaría con competencia en violencia de xénero, que actuará como secretaria.

O obxectivo xeral da Mesa Local de Coordinación é a promoción, no ámbito municipal, de políticas e actuacións para a erradicación da violencia de xénero.

Entre os obxectivos específicos atópanse os seguintes:

1. Mellorar a detección precoz de casos de violencia de xénero.

2. Optimizar a coordinación dos axentes implicados na loita contra a violencia de xénero.

3. Ofrecer unha atención e unha resposta áxil ás vítimas de violencia.

4. Mellorar a protección ás vítimas de alto risco.

5. Informar e sensibilizar na materia tanto a profesionais como á poboación en xeral.

Comisión sectorial de turismo

Os grupos que forman a Corporación deron luz verde á constitución da Comisión Sectorial de Turismo que estará integrada por representantes dos distintos sectores turísticos do Concello. A comisión constará dun pleno integrado por un representante de cada unha das empresas e asociacións relacionadas co sector turístico, así como cunha subcomisión na que estarán aqueles axentes que amosaron o seu interese por adherirse. En concreto, Adega Algueira-Restaurante O Castelo, Adega Val da Lenda, Casa do Estevo, Apartamentos Río Sil e A Cantina-Tren Turístico Aba Sacra.

A comisión ten exclusivamente funcións de informe e, de se o caso, de proposta en relación con iniciativas turísticas. A subcomisión estará presidida polo alcalde e cinco vogais das empresas xa citadas e manterá reunións tres veces ao ano, antes de Semana Santa, do verán e de fin de ano, co fin de facer balance. O Pleno da comisión reunirase unha vez ao ano.

29 de novembro de 2014 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.