publicidade hoxe

A compañía Viriscrón trae a obra “Sobre o desamor e outras mariconadas” á Casa da Cultura de Fene

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioFene
A-
A+

O ciclo de monólogos “As risas son boas” que impulsa o Concello a través da Concellería de Cultura trae este venres a Fene á compañía Viriscrón (dúo formado polo actor-creador Ricardo de Barreiro e polo músico-compositor Guillerme Fernández). O espectáculo que presentarán na Casa da Cultura ás 20 h leva por título “Sobre o desamor e outras mariconadas” e parte do poemario homónimo de Barreiro, integrándose nel os versos con música e a acción escénica. Trátase dunha viaxe chea de tobogáns vertixinosos con caídas libres e voos acrobáticos para describir unha experiencia tan sinuosa coma maravillosa: o amor-desamor. A función inclúese no ciclo de monólogos “As risas son boas”, que forma parte da programación para conmemorar o XXX Aniversario do Museo do Humor e a entrada é libre, aínda que é preciso retirar invitación na Casa da Cultura, o mesmo venres a partires das 16 horas.

Esta é unha proposta especial, distinta, mimada e coidada ata o seu último detalle, onde a través da voz a micro pegado e o carácter apaixonado do actor-creador Ricardo de Barreiro (Celda 211, Matalobos, Los girasoles ciegos, Doctor Mateo, After, 18 comidas, Encallados, ou Somos gente honrada), e a sensibilidade e serenidade do músico-compositor Guillerme Fernández (Berrogüetto, Espido, aCadaCanto, Tres peixes voando), viaxamos por un planeta repleto de sensacións e emocións con cores vivas e ritmos pausados, serenos.

Segundo os seus creadores, trátase dunha proposta poético-musical para cicatrizar as feridas do mundo que nos toca vivir, para polinizarnos emocionalmente os uns cos outros e sentirnos máis comprendidos, máis fortes. Non é recital. Non é teatro, Non é concerto. Pero ten aromas das tres cousas. Simplemente é un xoguete.

Así mesmo, o Concello avanza que a actuación aprazada de Manquiña celebraráse o 11 de decembro.

26 de novembro de 2014 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.