publicidade hoxe

A Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao mediará entre empresas e desempregados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Cibrao das Viñas
A-
A+

O Foro para a Activación do Emprego reuniu hoxe no Edificio Multiusos da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao a 70 participantes e contou coa intervención de sete relatores para expor os enfoques psicolóxico, tecnolóxico e práctico na procura activa de emprego. A xornada, que programou actividades durante cinco horas, foi inaugurada pola directora xeral de Familia e Inclusión, María Amparo González Méndez.

No acto de apertura, o presidente da Asociación de Empresarios, Elías Mera, destacou o papel deste colectivo como “intermediario entre a oferta e a demanda, facilitando a procura de traballadoras e de traballadores ás empresas e, á súa vez, axudando ás persoas desempregadas para lograr a súa inserción laboral”.

Ademais, lembrou que a Asociación considera vital dentro das súas funcións e servizos “poder ofrecer actividades orientadas á inserción laboral, como as que se desenvolven a través do Programa Acompaña, e apoiar aos traballadores e ás empresas para conseguir que se cubran as ofertas de traballo existentes”. Tras destacar a colaboración cos proxectos da Xunta para estimular o mercado laboral de Ourense, Elías Mera sinalou que “todos estes servizos resultan de gran interese para as persoas que neste momento de crise están a sufrir as consecuencias persoais, familiares e sociais do desemprego. Para todas elas é básico dispor dun proceso de axuda que lles permita valorizar o seu potencial para favorecer así a reincorporación á vida activa”. Sobre o rol social da Asociación de Empresarios, concluíu que “queremos achegar á sociedade, e especialmente aos mozos, novas inspiracións e alternativas para afrontar con éxito o seu futuro profesional”.

O programa didáctico do Foro iniciouse coa charla titulada “Unha oportunidade, un tesouro”, a cargo da psicóloga Ángela Ruiz Iglesias. A continuación tivo lugar o primeiro taller da xornada, centrado na procura de emprego con apoio das últimas ferramentas que nos brindan as tecnoloxías da información. O relator foi Diego Garrido Rivero, enxeñeiro informático. Un segundo taller incidiu nas técnicas motivacionais. O encargado de abordalas foi Delmiro Barreiros da Torre, licenciado en Psicoloxía.

Finalmente, unha mesa redonda con empresarios e responsables de recursos humanos de catro empresas representativas da actividade do Polígono permitiu coñecer as características do mercado de traballo ourensán desde a vertente da oferta laboral. Detallaron como se realizan os procesos de selección e cales son os perfís máis demandados nos diferentes sectores produtivos da provincia. Encargáronse destas exposicións prácticas José Enrique Rodríguez López, xerente de Rodríguez López Auto; Alberto Gómez Viso de Inplasor Galicia; Odilo Rodríguez Codias, xerente de Frigoríficos Premar; e José Manuel González Tizón, responsable de recursos humanos da planta ourensá de Faurecia Automotive.

27 de novembro de 2014 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.