publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A alcaldesa e cinco concelleiros da Bola piden a baixa no BNG

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA BolaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
Europa Press

A alcaldesa e cinco dos seis edís do equipo de goberno da localidade ourensá da Bola pediron a baixa do BNG e daranse agora “un respiro” como independentes, segundo explicou a rexedora, Teresa Barge.

En declaracións, Barge indicou que a súa baixa do BNG e a dos outros cinco edís -só unha concelleira do seu equipo de goberno segue na formación nacionalista- débese a que “xa non é o mesmo”. Presentouse ás eleccións municipais de 2007 e 2011 pola formación nacionalista porque “o BNG contaba cun liderado e criterios claros, con Anxo Quintana, e a dirección organizativa era diferente”.

Agora, segundo relatou, o prioritario para os independentes non é tomar decisións políticas, “senón seguir coa xestión municipal”. Para iso seguen contando coa edila que permanece no BNG “en absolutamente” todos os órganos colexiados do goberno local.

“Tomarémonos unhas semanas de respiro para rematar a xestión pendente para poder aprobar o orzamento municipal, a finais do mes de novembro”, agregou. Segundo Barge, as conversacións co BNG foron sempre frecuentes, desde que en 2003 se presentou como Independentes da Bola e recibiu o respaldo dos edís nacionalistas para ser alcaldesa.

RESPECTO PARA OS INDEPENDENTES

“Agora somos os que fomos sempre, neutrais e independentes” agregou, Por iso, sentiu as declaracións do portavoz do BNG, Xavier Vence, nas que suxire que na decisión dos edís da Bola está detrás presidente do PP e da Deputación Provincial de Ourense, Manuel Baltar.

“Creo que até agora, demostramos que non necesitamos que nos axuden a decidir, sempre acreditamos que nos valemos por nós mesmos para iso, así que teño que pedir respecto para a nosa postura, pois o noso maior mérito é que ninguén pensa por nós”, reprochou. Tamén atribuíu a palabras como as de Vence, a falta de “feeling” coa actual dirección do BNG.

RELACIÓN FLUÍDA COA DEPUTACIÓN

Recoñeceu manter unha relación fluída coa Deputación polos fondos destinados aos concellos da provincia. “Estamos moi pendentes do xiro que dea a Deputación no ámbito da xestión, pero no ámbito político non hai nada de nada”, remarcou.

Pola súa banda, Manuel Baltar respondeu a preguntas sobre a alcaldesa da Bola e dixo coñecer só a súa baixa do BNG. Sobre a posibilidade de que os exnacionalistas pasen ao PP, dixo que o seu partido “quere presentar candidaturas fortes en todos os concellos, e farao na Bola como nos outros 91 da provincia, tamén na capital”.

Lembrou que hai 75 candidatos a alcaldes presentados, que o sábado se coñecerán os da comarca de Valdeorras e que a finais de mes serán as presentacións dos correspondentes a concellos da comarca de Celanova, onde se enmarca o da Bola.

‘FICHAXES’

Até o momento, durante a actual lexislatura, houbo varios cambios nese sentido, pois o que foi alcalde da Mezquita polo PP, e edil independente nesta lexislatura, Francisco José Montesinos, fíxose de novo militante do PP hai poucos días. Antes, fixo o propio o alcalde dos Blancos, que gobernou até hai dúas semanas por Terra Galega.

Pola súa banda, a alcaldesa da Bola, foi concelleira co seu pai, que rexeu o concello durante varias lexislaturas até falecer en 2001. Barge presentouse en 2003 cunha lista de independentes e obtivo a alcaldía e 4 concelleiras co apoio dos edís do BNG. En 2007, xa no BNG, obtivo 7 actas, os mesmos que ten desde as eleccións de 2011 tamén coas siglas nacionalistas.

19 de novembro de 2014 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.