publicidade hoxe

Vilar de Santos mellorou as súas infraestruturas públicas cunha inversión de 140.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilar de Santos
A-
A+

Cun investimento global de 140.000euros, o Concello de Vilar de Santos executou varios proxectos incluídos nun completo e amplo Programa de Infraestruturas con diversas actuacións de renovación e mellora viaria e conservación e protección do medio rural e natural en todo o municipio nestes meses.

Cun orzamento total de 34.377 euros, realizouse un Proxecto de mellora de camiños. Este proxecto contemplou a mellora nun total de 13 Km da rede municipal de camiños agrícolas da concentración parcelaria coa nivelación e acondicionamento das pistas con zahorra e posterior limpeza de cunetas para evitar os encharcamentos e desbordamentos. Na zona de Rede Natura do concello investíronse un total de 5.447 euros nun total de 6 Km mais de pistas e camiños nunha actuación dirixida á mellora da paisaxe agraria coa limpeza e restauración dos camiños de acceso ás fincas desta zona, cunha axuda da Consellería de Medio Ambiente. Estas actuacións son fundamentais tanto desde o punto de vista das infraestruturas como desde a actividade agraria, co arranxo e mellora de 19 Km de camiños para facilitar o acceso ás fincas e tamén para tratar de previr os efectos negativos do encharcamento de auga nos camiños e nas terras de cultivo e manter a actividade e dinamismo no sector agrogandeiro do concello.

Incluído no Plan Provincial de Obras coa Deputación, finalizou a inversión de 50.000 euros para un proxecto de obras de mellora na rede viaria municipal de Bréixome de Arriba-Laioso e Casas da Veiga e tamén obras menores na rede municipal de saneamento do concello, en Barrio e Parada, por un importe de 12.000 euros.

Ademais deste conxunto de proxectos o Concello de Vilar de Santos, ten realizado un esforzo adicional para poñer en marcha outros traballos de recuperación de camiños tradicionais, o desbroce e limpeza en todos os pobos e espazos públicos, o mantemento de camiños forestais e cortalumes e a limpeza dos regatos e desaugadoiros. Desta maneira coa finalidade de mellorar as posibilidades de conservación e de desfrute da paisaxe e do medio natural e patrimonial actuamos na rede de sendeiros e a súa conexión co resto de camiños do concello, nun total de 19 Km totalmente aptos para realizar as rutas camiñando ou en bicicleta BTT, nos sendeiros de Castelaus, o do Ruxidoiro e o de Parada.

Por outro lado, no Parque Empresarial de Santa Marta e con financiación da Consellería de Economía e Industria e do Concello tamén se executou un proxecto de mellora nos accesos, pintado de viais e outras actuacións menores cun importe global de 18.100 euros. Esta nova actuación complementa as instalacións e infraestruturas do Parque Empresarial.

29 de outubro de 2014 | 20:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.