publicidade hoxe

Val do Dubra baixa un 20% o recibo do IBI

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVal do Dubra
A-
A+

O Concello de Val do Dubra aplicará unha baixada no recibo do Imposto de Bens Inmobles (IBI) deste ano dun 20% respecto ao de 2013. A baixada xa é efectiva e comeza a aplicarse nos recibos que deben abonar os veciños antes do 20 de novembro. O alcalde de Val do Dubra, Ramón Varela, destaca que con esta medida o Goberno local “cumpre o compromiso de conxelar ou baixar os impostos municipais en 2014”.

O Goberno municipal de Val do Dubra concretou unha baixada do tipo impositivo do IBI do 0,44 por cento para 2014, o que permite ese axuste á baixa do 20% no recibo que pagan os dubreses. A medida supón que o Concello de Val do Dubra rexistre unha caída na súa recadación de 81.261 euros no presente exercicio. O Goberno municipal, en consecuencia, axustará as súas previsións para que “non supoña unha mingua nos servizos prestados aos veciños e veciñas”, segundo aclara o rexedor de Val do Dubra, quen insiste en que “esa baixada de recadación non se trasladará de ningún modo aos servizos de todo tipo que reciben os dubreses”, a pesar da presente crise.

O Goberno municipal mantén o seu compromiso de “conxelar e baixar os impostos” e tamén evitará aplicar actualizacións do IPC, por insignificantes que fosen. O alcalde de Val do Dubra indica que con esta medida pretende “facer máis levadeira as economías domésticas dos habitantes do concello”, sobre todo nesta situación de crise económica que vive o país. O Concello de Val do Dubra tamén aclara que a subida do recibo do IBI que se rexistrou en 2013 derivouse dun novo relatorio de valores castastrales aplicada en toda España e que depende do Ministerio de Facenda.

30 de outubro de 2014 | 20:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.