publicidade hoxe

Uns 60.000 euros serán investidos na mellora da eficiencia enerxética no concello de Meaño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMeañoPontevedra
A-
A+
Cores Tourís en Meaño

Cores Tourís en Meaño

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Meaño para comprobar as obras de mellora de eficiencia enerxética que se realizaron grazas a nova liña de axudas da Consellería de Economía e Industria.

Na visita o delegado territorial estivo acompañado da alcaldesa de Meaño, Lourdes Ucha, así como do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.

José Manuel Cores Tourís destacou os 60.000 euros de investimento que se destinarán a obras de mellora enerxética no concello de Meaño e dos que 51.000 euros corresponderon á subvención aportada pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Enerxético de Galicia.

“En concreto cambiárose 97 puntos de luz LED na parroquia de Covas, explicou o delegado territorial, que engadiu que “con esta medida aforraranse no municipio de Meaño case 4.000 euros ao ano, conseguindo un aforro enerxético de 27.775 kWh ao ano o que equivale á plantación de 902 árbores.

Cores Tourís tamén recordou que no total da comarca de Arousa se están a executar melloras en 14 instalacións e 978 puntos de luz, “o que permitirá aforrar case 410 toneladas de CO2 ao ano, o que equivale a 20.465 árbores plantados”. Ademais, segundo apuntou o delegado territorial, estas obras permitirán aforrar 630.000 kWH ao ano o que se traduce nun aforro económico estimado de case 96.500 euros en 12 meses.

Os concellos beneficiados por estas axudas son os de Vilagarcía de Arousa, Catoira, Caldas de Reis, Pontecesures, Meis, Meaño, Ribadumia, Poio e Sanxenxo. Todos eles levarán a cabo actuacións de cambio de puntos de luz por novos equipos Led, o que suporá un investimento no total dos municipios de 538.000 euros, dos cales 457.000 serán subvencionados pola Consellería de Economía e Industria.

“A Xunta de Galicia, na procura de medidas de aforro e eficiencia enerxética a nivel local prestando apoio económico aos concellos galegos, vén de resolver unha nova convocatoria da liña para a renovación da iluminación pública exterior”, explicou Cores Tourís, engadindo que neste sentido, 32 concellos da provincia de Pontevedra, téñense beneficiado xa dun programa que lles permite instalar equipos máis eficientes que reducen ata un 60% a factura eléctrica das instalacións substituídas.

A Xunta de Galicia destinou este ano 4,5 millóns de euros a este programa de iluminación exterior do Inega, un 15% máis que na anterior convocatoria, “dos cales 1,3 corresponden a provincia de Pontevedra, onde se promoveron 6 proxectos de agrupacións municipais de ata 9 municipios”, explicou Cores Tourís. Neste contexto, cómpre salientar que a liña promoveu, unha vez máis, este tipo de proxectos colaborativos, que viron incrementada a contía da axuda ata o 85%, fomentándose así a cooperación institucional e diminuíndo os custos de execución.

“A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético dos concellos nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 80% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou Cores Tourís. Así, a convocatoria deste ano permitirá acadar un aforro anual conxunto de máis de 1 millón de euros a nivel galego. Ademais, obterase un aforro enerxético de 6,6 millóns de kWh/ano, o equivalente ao consumo anual dunhas 2.000 familias, ao tempo que se evita a emisión á atmosfera de 4.500 toneladas de CO2, o equivalente a plantar 217.000 árbores.

Nos últimos anos, a Consellería de Economía e Industria ten posto en marcha diversos programas de actuación que promoven un uso racional da enerxía entre a cidadanía, as empresas, e a propia administración, cun investimento superior aos 70 millóns de euros.
 

29 de outubro de 2014 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.