publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Unha boia de Cabo Vilán rexistrou unha onda xigante de 27,81 metros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCamariñasGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
Europa Press

A Rede de boias de Augas Profundas de Portos do Estado mediu a onda individual “máis alta nunca rexistrada en augas españolas”, que se correponde co dato tomado na costa galega de 27,81 metros de altura en Cabo Vilán o pasado inverno.

Así o destacou este mércores Portos do Estado, que recordou que os temporais do pasado inverno “foron especialmente severos en augas atlánticas”.

En concreto, o 6 de xaneiro de 2014, a boia de Vilán-Sisargas (Cabo Vilán) mediu unha onda individual de 27,81 metros de altura, de val a crista. Este valor corresponde a un rexistro “con altura significante de 12,4 metros”.

A anterior marca tíñaa a boia Augusto González Linares, do IEO, con 26,13 metros preto de Santander, que se mediu ao paso da cicloxénese explosiva Klaus o 24 de Xaneiro de 2009.

Deste xeito, a galega é a “primeira freak wave (onda xigante) que se mide polas boias de Portos do Estado cunha altura superior aos 20 metros”.

Portos do Estado resaltou que “desde o ano 1996, no que se empezou a despregar dita Rede, nunca se rexistraron nun mesmo inverno tres tormentas que superasen os 10 metros de altura significante (a media do terzo das ondas máis altas), como ocorreu a principios deste ano”.

“Ao analizar agora os datos rexistrados a bordo das boias, tras o mantemento no mar dos equipos e o tratamento dos datos neles almacenados, sóubose que, durante unha desas tormentas, se bateu a marca histórica da altura de onda máxima rexistrada en España”, explicou a entidade.

PARTICULARIDADE

A “enorme onda” medida pola boia de Vilán-Sisargas ten ademais, segundo sinalou Portos do Estado, “unha particularidade” porque se trata dunha “freak wave (onda insólita ou xigante), xa que a relación entre o valor de altura máxima e o de altura significante é maior que 2 (concretamente 2,24 neste caso)”.

Respecto diso, incidiu en que “é a primeira ‘freak wave’ que se mide polas boias de Portos do Estado cunha altura superior aos 20 metros”.

22 de outubro de 2014 | 12:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.