publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Un grupo de estudantes de Muros logra o primeiro premio do certame de vídeos do programa Lecer Consumo do IGC

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMuros
A-
A+

A directora xeral de Comercio e presidenta do Instituto Galego de Consumo (IGC), Sol Vázquez Abeal, entregou esta tarde en Muros o recoñecemento ao equipo gañador do concurso de vídeos do programa de actividades do IGC Lecer Consumo, co que se busca cada ano aproximar á poboación os valores do consumo responsable a través do ocio estival.

Unha das actividades que se propoñían dentro desta iniciativa, na que este ano participaron máis de 1.200 persoas, chegando a 26 concellos galegos, era unha xincana de Lecer, Publicidade e TIC, ao remate da cal os participantes gravaban un vídeo por grupos. Nestes vídeos, que foron publicados no facebook da Escola Galega de Consumo, os participantes debían promover actividades de lecer responsable que se puidesen levar a cabo no seu concello. O equipo premiado, formado por 7 rapaces e rapazas dos Campamentos de Verán de Muros de entre 9 e 14 anos, recibiu máis de 200 votos, resultando en primeiro lugar.

O programa Lecer Consumo, impulsado pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Galego de Consumo, celebrou este verán a súa quinta edición baixo o lema Mergúllate nun lecer de balde! e xirou arredor dos xogos populares. As actividades desenvolvéronse tanto na sede da Escola Galega de Consumo como dentro dos campamentos urbanos e outras iniciativas impulsadas diversos concellos e entidades para os meses de xullo a setembro.

Esta iniciativa está dirixida ao conxunto da poboación galega, adaptando a súa oferta ás necesidades de cada colectivo participante tendo en conta criterios de idade. Ademais da xincana de Lecer, Publicidade e TIC, para rapaces de 9 a 16 anos, este verán tamén se propoñía un obradoiro para nenos e nenas de tres a oito anos en torno ás alternativas de ocio, e incluíase tamén a proposta Xogar é de balde!, cun conto ou varios xogos populares.

Os participantes maiores de 16 anos coñeceron criterios de seguridade nas diferentes formas de viaxar, a compra de viaxes pola internet, así como os dereitos que teñen os consumidores do tempo de lecer a través do obradoiro Oca: o xogo da xente viaxeira. Tamén se organizaron charlas sobre alternativas para un ocio saudable a todas as idades, destinado ao público adulto.

1 de outubro de 2014 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.