publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Tres alcaldes e un exconcelleiro loitarán por relevar a Besteiro ao fronte do PSOE coruñés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaAresCulleredoLocal PortadaOrosoPortada esquerdaTeo
A-
A+

As primarias nas que os socialistas da Coruña votarán para escoller ao sucesor do exministro Francisco Caamaño á fronte do partido na provincia poderían enfrontar aos alcaldes de Ares, Culleredo e Oroso e ao exportavoz municipal en Teo.

   Despois de que o pasado sábado o comité provincial do PSOE decidise que estas primarias se celebrarían o mesmo día que as fixadas pola cúpula dos socialistas galegos para escoller ás cabezas de lista ás eleccións municipais, esta semana non deixaron de sucederse os movementos no partido do puño e a rosa.

   Así, son o catro acodes que polo momento anunciaron a súa vontade de concorrer a este proceso orgánico, aínda que distintas fontes do partido consultadas non descartan que poida pecharse algún pacto previo entre algúns deles ou, mesmo, que non todos logren os avais necesarios para presentarse –un 20% dos máis de 4.000 afiliados–.

“REPARTICIÓNS DE PODER”

   Precisamente, o primeiro en dar o paso, o teense Jano Leis, aseverou a través das redes sociais –desde as que anunciou o sábado que optaría ao posto– que non estará en procesos de “negociación ou repartición de poder” e que non asumirá ningún cargo directivo en caso de non saír elixido.

   No seu currículo figura ocupar nove anos a secretaría xeral do PSOE de Teo e ser cabeza de cartel nas municipais de 2007 e 2011, tras as cales renunciou á súa acta ao pasar de catro a uns concelleiros.

   Profesor de instituto, desde o seu perfil en Internet asegura que non se presenta para “reeditar os vicios da vella política, senón para todo o contrario”, e dáse por feito que os seus apoios serán testemuñais.

“RECONSTRUCIÓN DO PSOE”

   Tres días despois, o pasado martes, foi o rexedor orosino, Manuel Mirás Franqueira, quen compareceu ante os medios na sede local do PSOE compostelán para presentar a súa candidatura, que xustificou na necesidade de acometer a “reconstrución” do seu partido na provincia da Coruña para volver ser maioría.

   Alcalde de Oroso entre 1991 e 1995 e desde 2001 até a actualidade, en 2002 foi expulsado do PSOE por asinar unha moción de censura apoiado en dous tránsfugas do PP para facerse co bastón de mando. Tras concorrer aos seguintes comicios municipais como independente nas listas do CDS, partido do que formou parte até a súa integración no PP, en 2006 volveu ao seu partido da man de Ricardo Varela, secretario de Organización baixo o mandato de Emilio Pérez Touriño.

   Conta co apoio de parte do sector máis crítico con Caamaño e dun grupo da dirección galega do PSOE, órgano no cal ten asento na actualidade como secretario de Traballo Autónomo.

“RENOVACIÓN”

   Outra parte da oposición ao exministro, principalmente situada na comarca de Ferrolterra, e un sector da UXT, en cambio, apoiaría ao primeiro edil aresano, Julio Iglesias, quen informará o venres aos medios da súa vontade de facerse coa Secretaría Provincial do PSOE na Coruña.

   Doutor en Dereito e profesor titular de Dereito Civil na Universidade de Santiago de Compostela, foi director xeral de Xustiza durante o Goberno bipartito na Xunta e é alcalde do seu municipio desde 2007.

   Desde a súa contorna consideran que o seu perfil representa mellor a “renovación” que encarnan Pedro Sánchez e José Ramón Gómez Besteiro que os outros dous rexedores que se presentan e ven prematuro analizar agora un posible pacto co seu homólogo en Oroso.

SEN “CONFLITOS INTERNOS”

   E, do mesmo xeito que Mirás Franqueira, tamén asume como fundamental a superación dos “conflitos internos”, segundo fontes da súa contorna, o alcalde cullerdense, Xullo Sancristán, quen o vindeiro sábado comparecerá na sede do PSdeG da compostelá Rúa do Piñeiro para trazar as liñas básicas do seu proxecto ante os xornalistas.

   Este valisoletano nado en 1953 e afiliado ao PSOE desde 1982, leva á fronte do Concello de Culleredo desde 1983.

   Distintos socialistas coruñeses enmarcan a súa candidatura na órbita máis próxima ao aínda líder do partido na provincia.

23 de outubro de 2014 | 11:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.