publicidade hoxe

Só o grupo popular rexeita converter o Miradoiro de Mondoñedo en albergue público

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoMondoñedo
A-
A+

O Pleno este martes aprobou cos votos a favor de PSOE e BNG instar á Xunta de Galicia a crear un grupo de traballo para converter o Miradoiro de Mondoñedo nun albergue público de peregrinos. A colaboración do Goberno galego é imprescindible, posto que é competencia autonómica exclusiva a promoción do Camiño e a xestión dos albergues públicos, tal como dita a Lei 3/1996, do 10 de maio. Só o PP rexeitou a proposta do grupo provincial socialista para a posta en valor deste edificio cun uso público permanente.

A iniciativa do PSOE permitirá incrementar a capacidade de aloxamento de peregrinos na Mariña. O actual albergue de Mondoñedo, con 24 prazas, estase a quedar obsoleto e pequeno. Nos meses de xullo e agosto, os peregrinos tiveron que ser desprazados ao polideportivo municipal porque as instalacións estaban saturadas. Nos primeiros oito meses deste ano, o Camiño Norte rexistrou preto de 13.300 peregrinos, converténdose na 3ª ruta que máis viaxeiros recibe, por detrás do Camiño Francés e do Portugués.

“O que lle pedimos ao Goberno de Feijóo é a mesma actitude de colaboración institucional que a Deputación lle está a prestar en actuacións que son de competencia autonómica como, por exemplo, o financiamento do PEIM, a rehabilitación das pallozas do Piornedo, os GES ou o Consorcio Provincial de Bombeiros”, destacou a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez.

Dándolle un uso público ao Miradoiro de Mondoñedo, a Deputación segue adiante coa posta en valor do seu patrimonio, ao igual que fixo co Hospital San José en Lugo, co complexo de Augasmestas en Quiroga, co pazo monfortino de Tor, ca gardería do Campus Universitario que cedeu a Raiolas ou coa recuperación do Hotel Miño como sede da UNED na capital. Esta proposta supón, ademais, un paso máis na aposta da Deputación por impulsar todas as rutas xacobeas da provincia, incluíndo o Camiño do Mar que a Xunta segue sen oficializar.

Sector lácteo

O Pleno aprobou cos votos a favor de PSOE e BNG, posto que o PP se abstivo, a moción do grupo provincial socialista para esixir á Xunta de Galicia que lidere fronte ao Goberno Central as seguintes medidas en apoio aos 10.000 produtores lácteos galegos (5.000 dos mesmos son lucenses) ante a supresión das cotas lácteas: 1.- que se modifique o decreto que desenvolve o Paquete Lácteo para que regule realmente as relacións contractuais entre produtores e industriais antes do 1 de decembro deste ano co fin de que o 1 de xaneiro do 2015 estean operativas os contratos, dado que en abril desaparecen as cotas; 2.- que se introduza a figura do mediador e fortes sancións para que a industria non fixe os prezos de xeito unilateral, nin impoña contratos á baixa; 3.- que a duración mínima dos contratos sexa dun ano e que se garanta a recollida de todo o leite producido nesta campaña; 4.- que o Orzamento autonómico do 2015 destine unha partida suficiente para poñer a disposición dos gandeiros de leite neste ano a metade das terras que actualmente están abandonadas en Galicia -400.000 hectáreas-, así como fórmulas que impidan a replantación das terras agrarias.

Canon de Chantada

Por unanimidade, a sesión acordou investir 162.500 euros, procedentes de remanentes do canon de Chantada, na mellora de servizos públicos de dito Concello. As obras aprobadas son as seguintes: mellora do campo de fútbol de Sangoñedo (16.102 euros): mellora do centro de día (138.417 euros); mellora da Praza de Abastos (8.000 euros). 

28 de outubro de 2014 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.