publicidade hoxe

Piko Norte impúxose na primeira regata á inversa celebrada na Ría de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaPoio
A-
A+
Entrega de premio aos gañadores

Entrega de premio aos gañadores

Soamente se puido celebrar a xornada final, pero grazas ao vento e bo tempo resultou todo un éxito o II TROFEO COLÓN, POIO TERRA DE NAVEGANTES, que para vela clase Cruceiro organizou este pasado sábado o Club Náutico Combarro e a firma organizadora de eventos náuticos Desmarque SL coa colaboración do Concello de Poio, Porto Deportivo de Combarro e Froiz, baixo o novo sistema denominado “á inversa” que por primeira vez levaba a cabo na Ría de Pontevedra.

Con vento do Sur-Suroeste de 16 nós de intensidade media, pero con refachos de 22 nalgúns momentos, con puntualidade meridiana deuse a saída a partir das 15:00 ao primeiro dos barcos participantes, o ELMER I que segundo o seu hándicap particular de medición debería ser o máis lento, para realizar un percorrido igual para todos de 10,8 millas até a baliza de Morrazán no centro da Ría de Pontevedra onde había algo de mar de fondo, e finalizando no mesmo punto de partida, no pantalán de contención do porto deportivo de Combarro, de forma que numeroso público puido observar a escasísimos metros as manobras dos barcos antes de saír e a emocionantísima chegada que con este sistema conseguiu en gran parte o desexado, que é que os barcos cheguen o máis xuntos posibles.

E o final foi de infarto, xa que o PIKO NORTE (Bavaria 32 – José Manuel Castro-RCN Coruña) cruzou a meta con soamente 4 segundos de diferenza sobre o NO A CELULOSAS (IMX 38 – Juan Carlos Pérez Olmedo – CN Combarro). Terceiro a 48 segundos do primeiro foi o ENXUTO (First 310 – Pablo Conde – CN Combarro); cuarto o AGUIEIRA (Sun Odysey 40 – Celestino Campelo – RCM Aguete) xa a 1 minuto e 24 segundos; e quinto o SEBRALA 2  (Bavaria 50 – Magin Froiz – RCN Sanxenxo) a 4 minutos e 8 segundos do primeiro.

A entrega de premios tivo lugar nas propias instalacións do Porto Deportivo de Combarro ao finalizar todos os barcos, coa asistencia da Concelleira de Deportes do Concello de Poio, Margarita Caldas e o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde.

21 de outubro de 2014 | 10:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.