publicidade hoxe

Os municipios termais reúnense no Grove

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Grove
A-
A+

A Directora Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro, e o Alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez, inauguran este xoves, 23 de outubro, o XI Encontro Vilas Termais, ENVITER, que terá lugar na Illa da Toxa, ao que acudirán representantes destes municipios e das empresas vinculadas a este sector, así como técnicos e expertos na materia.

A Alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, tamén abrirá o encontro, como Presidenta da Sección de Entidades Locais con Augas Minerais e Termais da FEMP,que organiza estas xornadas e que ten previsto celebrar a súa asemblea anual ao finalizar as sesións de traballo.

Esta Sección foi constituída en 2001 co obxectivo de potenciar o turismo termal nos municipios que dispoñen de instalacións balnearias e conta actualmente con 81 Entidades Locais asociadas.

Durante os días 23 e 24 de outubro falarase da planificación e desenvolvemento das vilas termais, de como xestionalas con maior eficacia e sustentabilidade, das políticas e instrumentos de apoio dispoñibles para a súa viabilidade e das claves para promocionar e comercializar unha Vila Termal para que sexa capaz de atraer ao turismo nacional e internacional.

A Alcaldesa da localidade galesa de Bath, un dos destinos termais europeos máis emblemáticos, participará na mesa redonda posterior á sesión de inauguración.

O venres pola mañá, a Secretaria Xeral de Sanidade e Consumo, Pilar Farjas, e a Subdirectora Xeral de Desenvolvemento e Competitividade Turística da Secretaría de Estado de Turismo, Tatiana Mª Martínez, intervirán noutra mesa de debate sobre políticas públicas e instrumentos de apoio ao desenvolvemento sustentable das Vilas Termais.

21 de outubro de 2014 | 11:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.