publicidade hoxe

O edil vigués Ángel Rivas declara como imputado sobre negociacións prohibidas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

O concelleiro vigués do PSOE Ángel Rivas, responsable das áreas de Limpeza, Parques e Xardíns, e Distritos, acudiu sobre as 9,05 horas deste luns aos xulgados da cidade olívica para declarar como imputado nunha causa sobre supostas negociacións prohibidas e prevaricación.

O edil vigués chegou con xesto serio ao edificio xudicial, acompañado do seu letrado e, a preguntas dos medios, declinou facer declaracións.

Ademais de Rivas, foron citados para declarar este luns os outros tres imputados nesta investigación que dirixe o Xulgado de Instrución Número 1 de Vigo.

A investigación xudicial iniciouse pola presentación dunha denuncia da Fiscalía, ao ver indicios de posibles irregularidades na contratación da subministración de formigón, por parte de adxudicatarias de obras municipais, á empresa da que Rivas era xerente.

Así mesmo, o Ministerio Público tamén pediu que se investiguen expedientes de adxudicación de obras e de recoñecementos extraxudiciais de crédito, xa que considera que a xunta de goberno recorría en exceso a este mecanismo.

Este luns están citados a declarar o concelleiro, así como o xefe de área da Concellaría de Fomento, Álvaro Crespo; e dous administradores da construtora Movexvial (agora Civisglobal), todos eles como imputados. En próximas datas está previsto que sexan citados a declarar testemuñas.

EXPEDIENTES INVESTIGADOS

A investigación centra o foco en cinco expedientes de recoñecementos extraxudiciais de crédito a favor da empresa Movexvial (cuxos administrador e apoderado tamén están imputados), aprobados en Xuntas de Goberno. Neses casos, aprobáronse indemnizacións a favor da construtora por un valor total que supera os 527.000 euros, no período abranguido entre o 17 de agosto e o 14 de decembro de 2012.

Ademais deses cinco expedientes, a Fiscalía pediu ao xulgado que reclame outros 14 expedientes de recoñecementos extraxudiciais de crédito (a inmensa maioría da área de Fomento, aínda que tamén de Patrimonio Histórico, Participación Cidadá, Emprego e Turismo e Comercio), e que se identifique o funcionario ou cargo que autorizou o gasto.

20 de outubro de 2014 | 10:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.