publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O docente de Celanova foi avisado pola inspección de que debía cambiar as súas manifestacións de afecto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanovaGaliciaLocal PortadaOurensePortada esquerdaSucesos
A-
A+
Europa Press

O docente en Celanova (Ourense) acusado de delitos continuados de abusos sexuais a seis alumnas de quinto de primaria foi avisado de que debía “modificar as súas manifestacións de afecto” nun informe da inspección de Educación, que investigou unha queixa verbal de varios pais do centro escolar Curros Enríquez de Celanova.

   O autor do informe, o inspector agora xubilado Daniel Barata Quintas, explicou aos xornalistas despois de declarar na Audiencia Provincial que o colexio e a Consellería de Educación recibiron unha queixa de pais, algo “pouco habitual” pois o normal é que se presente unha denuncia individual da familia dunha alumna afectada.

   “Neste caso a queixa era polo comportamento afectivo do profesor agora acusado coas súas alumnas, e as manifestacións dese afecto con elas eran obvias, pois eran sempre en público e era doado ver na praza do pobo ou no patio que era saudado por alumnos e alumnas que corrían cara a el a darlle abrazos e bicos”, relatou Barata.

   Neste sentido, o informe sobre o que declarou o inspector recolle a investigación orixinada pola queixa e incluíu un estudio realizado polo equipo de Orientación Escolar sobre os 22 alumnos da aula do profesor de matemáticas agora acusado, e logo unha entrevista co docente a cargo do inspector.

   O expediente informativo aberto, segundo o inspector, se resolveu co apercibimento “ou aviso ao profesor para que modificase e modulase as súas manifestacións de afecto para adecualas á madureza das escolares”. Tras esta resolución, en marzo de 2012, o profesor estivo de baixa por enfermidade e continuou o seu traballo como docente en setembro do mesmo ano no mesmo colexio de Celanova.

   “Non houbo ningunha queixa máis no ámbito administrativo e a súa volta debeuse a que foi pedida pola comunidade escolar porque é moi bo docente na súa materia”, dixo Barata. Despois de meses de docencia, o profesor pediu o traslado para desempeñar o seu traballo nun centro de formación de profesorado, onde segue.

“EXCESIVAMENTE CARIÑOSO”

   Segundo o relato cronolóxico do inspector, a intervención da consellería continuou despois cun “seguimento discreto” das alumnas afectadas no seu primeiro curso diso, no instituto, e no seu comportamento “todo foi normal”.

   O fiscal, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), considera que houbo delitos continuos de abusos sexuais en relación a seis alumnas, das que unha conta ademais con acusación particular.

   Segundo a acusación pública, o docente deu bicos na boca ás alumnas, despois de facer ben deberes ou exames e “simulaba unha carantoña ou xogo sen implicación sexual” meténdolles a man por debaixo da roupa, dende o colo ata a barriga, e en dúas ocasións, por dentro do pantalón.

   Pide cinco anos de prisión, prohibición de exercer a docencia con menores durante o mesmo tempo da condena e prohibición de achegarse ás menores durante sete anos.

   Pola súa banda, a acusación particular pide catro anos de prisión, ademais de inhabilitación e afastamento coincidentes coa Fiscalía. O avogado defensor explicou que ambas as dúas acusacións coinciden en que o profesor era “excesivamente cariñoso”.

   Neste sentido, “e respectando totalmente o dereito a defenderse, por parte do acusado,”, dixo considerar o informe do inspector de Educación “irrelevante e sen credibilidade” por non incluír entrevista coas menores. “Só se lles aplicou un test que nin merece ser tido en conta”, agregou.

MÁIS TESTEMUÑAS DO PREVISTO

   A primeira sesión do xuízo durou máis de catro horas nas que declararon case 30 persoas, pois ademais dos 15 testemuños citados, o tribunal aceptou chamar a unha decena dun listado de persoas que acudiron á antesala da Audiencia, para prestar declaración se era preciso, segundo detallou o avogado defensor.

   Eses testemuños foron a única cuestión previa formulada pola defensa do profesor e aceptada polo tribunal, pois o avogado se queixou de indefensión por non estar, entre os citados, profesores, nais e pais que puidesen ser testemuñas dos feitos no patio, comedor e aulas do colexio de Celanova.

   A segunda e última sesión do xoves contará coa declaración de dous peritos que fixeron unha valoración psicolóxica da veracidade dos relatos das alumnas, e a exposición de conclusións definitivas das partes do caso.

8 de outubro de 2014 | 14:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.