publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Atlético Novas: ‘O equipo está ben e con confianza para endereitar este irregular comezo’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesO Rosal
A-
A+

Dúas derrotas e un empate en seis partidos. Unha bagaxe de 5 puntos perdidos neste arranque que deixan ao equipo de Modesto Augusto sen apenas marxe de erro. Un inicio irregular que sitúa ao equipo oitavo na clasificación, aínda que o posto actual é o que menos preocupa.

Ao longo desta semana, ademais de traballo físico e táctico, fíxose terapia. ‘Reflexionamos sobre os erros que estabamos a cometer para tentar mellorar o noso rendemento individual e colectivo. O sábado vai ser un partido duro, pero cada un de nós imos achegar o mellor para sacar o partido adiante’ di Manu Martínez.

Cando aínda escoce a derrota do pasado sábado en Coia, David Lechuga recoñece ‘que foi un revés que non esperabamos. Pero por sorte fixemos traballo e recuperamos a confianza. Temos moitas ganas de que chegue este partido para comezar a endereitar este irregular inicio xa que queremos volver conseguir o billete ao sector’.

Este sábado (19:00 h), o rival é o Luceros, filial do Frigorificos Cangas e que desde a tempada pasada vén pisando forte. Actualmente é quinto, con catro vitorias e dúas derrotas. Reforzados co canteirán do Acanor, Miguel Trigo, mañá poderán contar con todos os seus homes. Eloy Krook, Edu Salazar ou Alberto Casares, xente xa consolidada no primeiro persoal estarán no Rosal, o que fai ao equipo de O Morrazo ‘aínda máis perigoso. De feito son o único equipo que foi capaz de gañarnos na 2013/2014. Teñen boa portaría e bos extremos, polo que será, unha vez máis, un duelo complicado, pero non podemos deixar escapar máis puntos, e menos na casa’ di o 7.

Entre os xogadores que máis debe temer Miguel Santorio está Manu Martínez, a pesar de que aínda estea lonxe do seu mellor nivel. ‘Tiven mala sorte de lesionarme no primeiro partido, e agora estame custando fisicamente. Puiden xogar uns minutos contra o Artabro e contra o Seis e as sensacións están a ser positivas, vai desaparecendo a dor. Pronto estarei ao 100% para achegar velocidade e xogo entre lineas a este equipo’.

Manu, que tras un ano na Academia Octavio decidiu regresar a casa, atopouse dez anos despois con dous dos seus grandes amigos fóra da pista, os irmáns Tsybanev, cos cales me atopo moi ben, son dous grandes xogadores, con moita calidade e que marcan diferenzas. A verdade que tiña moitas ganas de volver xogar con eles.

Hoxe será o último adestramento da semana, dunha semana que termina cun duelo no que só queda gañar.

O maratón de balonmán comezará ás 10:00

Moito balonmán poderase ver mañá no Rosal. Até tres partidos se xogarán na mañá deste sábado primeiro de novembro. A excepción do equipo infantil, que descansa, todas as categorías disputan os seus encontros no feudo rosaleiro. Os máis pequenos reciben ao Luceros ‘B’, na quinta xornada de liga, á cal chegan coa marcadora de derrotas a 0. Quen teñen moitas ganas de estrearse son os cadetes de Victor Armán, que ás 11:00 teñen unha cita co Teucro.

E como último o equipo xuvenil, que regresa á competición tras unha semana de descanso. Gañaron o encontro que disputaron e mañá loitarán pola segunda ante o Óptica Bueu (12:15 h).

Cun breve parón para comer, ás 16:30, o Acanor Novás ‘B’ quere volver á senda da vitoria a costa do Rasoeiro.

31 de outubro de 2014 | 12:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.