publicidade hoxe

Monterroso acolle unha nova edición da Feira Agroalimentaria do Queixo e das Castañas na Ulloa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLugoMonterroso
A-
A+
Presentación da Feira Agroalimentaria

Presentación da Feira Agroalimentaria

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, o Alcalde de Monterroso, Antonio Gato Soengas, e o 1º Tenente de Alcalde do Concello, Antonio Rodríguez Guerra, presentaron este martes no Salón de Actos da Deputación a XXIII Feira Agroalimentaria do Queixo e das Castañas da Ulloa,que se celebrará o vindeiro domingo no recinto Feiral do Concello. A Deputación de Lugo levará, aproveitando a afluencia de visitantes ó Concello, o Barco Muralla da Deputación, ampliando a oferta lúdica da cita e co que se busca recabar máis apoios á candidatura da Ribeira Sacra a Patrominio da Humanidade, promocionar os produtos autóctonos e a riqueza natural da provincia.

A Vicepresidenta destacou que a institución luguesa contribúe á celebración desta cita, posto que “se enmarca na nosa aposta polo impulso dos produtos autóctonos e dos oficios artesanais, como sinais de identidade e atractivo da provincia que xeran riqueza, aproveitando a visita de centos de persoas nestas datas”. O ano pasado, máis de 6.000 persoas se deron cita na Feira, “oportunidade que non podemos deixar escapar para potenciar sectores punteiros na nosa provincia, como o artesá ou o gastronómico, que crean emprego e fixan poboación no rural”. Por outra banda, Gato e Guerra agradeceron a colaboración da Deputación e convidaron a todos os interesados a pasar o vindeiro domingo polo Concello para poder desfrutar dunha xornada consolidada xa co tempo e que medra máis cada ano.

Programa lúdico e gastronómico

O recinto feiral de Monterroso abrirá ao público ás 10:00 horas. Media hora máis tarde comezará o reparto de castañas asadas entre todos os visitantes e haberá tamén unha degustación de pinchos de queixo e tapas. Cara ao mediodía terá lugar a inauguración oficial da xornada, que este ano conta con dous pregoeiros: o actor e produtor galego de cine e televisión Rubén Riós, e o xefe de cociña do restaurante Galileo de Pereiro de Aguiar (Ourense), Flavio Morganti. A mediodía, sobre as 13:30 horas será a entrega de premios do concurso de tapas, que estará amenizado por un concerto da Banda Municipal. Pola tarde, a sesión musical continúa dende as 17:00 horas ata media tarde.

21 de outubro de 2014 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.