publicidade hoxe

Máis de 200 camiñantes participarán en Forcarei na última ruta de Sendeiros Rías Baixas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcareiPontevedra
A-
A+

Máis de 200 camiñantes participan este sábado na última das rutas que integran o programa Sendeiros Rías Baixas, impulsado pola Deputación de Pontevedra.

Será no concello de Forcarei, cun percorrido de 14 quilómetros que levará os camiñantes por unha ruta circular que partirá do mosteiro cisterciense de Santa María de Aciveiro. Desde aí tomarán camiño cara á aldea de Vilaverde, cruzando o río Lérez ata A Rochela, unha antiga alvariza que dá testemuño da pasada presenza do oso nestas altas serras pontevedresas.

Logo, entre prados, matogueiras, brañas e pequenos bosques os camiñantes ascenderán polas abas da serra do Candán, espazo natural que participa no proxecto europeo da Rede Natura 2000. A ruta descende suavemente cara a Lamasgalán de Arriba, onde un primitivo camiño de carro dirixe o camiñante ata Lamasgalán de Abaixo.

Gozando das paisaxes e dos ecosistemas humanizados deste lugar, os 200 participantes chegarán ata a Ponte Vella de Andón, para logo percorrer as ribeiras do Lérez en busca do mosteiro. A ruta é un mostrario de paisaxe e etnografía, no que casas, pontes, muíños e cruceiros serven de mostra do afamado traballo dos vellos canteiros de Forcarei e o seu contorno.

A ruta máis longa

Trátase da ruta máis longa de todas as que integran o circuíto de Sendeiros Rías Baixas, pois as cinco restantes oscilan entre os 3 e os 8 quilómetros.

Os camiñantes reuniranse ás 10:00 h diante do mosteiro de Aciveiro e percorrerán os 14 quilómetros da ruta, de dificultade media, nun tempo estimado de cinco horas.

Por iso recoméndaselles ós participantes o uso de calzado e roupa adecuados, coma botas de trekking ou sendeirismo, roupa de abrigo, paus ou bastóns de sendeirismo e calzado de reposto para se mudar en caso de mollar os pés.

Así mesmo, dada a dificultade da ruta, os participantes deberán ter unhas condicións físicas adecuadas, xa que terán que camiñar cinco horas alternando asfalto, camiños pedregosos, subidas e baixadas moi pronunciadas, zonas encharcadas e enlamadas, e carreiros moi estreitos.

Esta ruta substitúe a inicialmente prevista de Pontes do Lérez, pois as choivas torrenciais de mediados de outubro provocaron certos danos neste percorrido, que fan que a día de hoxe aínda non reúna as condicións de seguridade necesarias para desenvolver a actividade.

Con esta ruta péchase o ciclo Sendeiros Rías Baixas, co que a Deputación de Pontevedra, impulsora da iniciativa, pretende promover hábitos de vida saudable, fomentar a práctica do deporte e contribuír á difusión do patrimonio natural, arqueolóxico e etnográfico da provincia.

30 de outubro de 2014 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.