publicidade hoxe

Gran éxito de público no I Festival de Canto Coral de Pazos de Borbén

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+
Unha das actuacións do festival

Unha das actuacións do festival

O I Festival de Corais de Pazos de Borbén cultivou o pasado domingo un importante éxito tanto a nivel artístico como de público. O certame tivo como escenario a Casa Cultural da parroquia de Pazos, que rexistrou un cheo absoluto. O evento estaba organizado pola Coral Santa María de Pazos, en colaboración co Concello de Pazos de Borbén e a Deputación de Pontevedra.

Ademais da coral anfitrioa, que acaba de cumprir 3 anos de existencia dirixida por Sheila Calvar, o festival contou coa participación da Coral de Voces Fornelenses da Escola de Música de Fornelos de Montes baixo a dirección de María Teresa Acuña, a Coral Santa María das Neves dirixida por Rafael Pérez Dopeso e o Orfeón Asomamos con Zé Martínez como director.

As catro corais participantes presentaron unha pequena mostra do seu repertorio, con pezas que ían desde a polifonía relixiosa até o folclore popular, pasando por obras únicas como “Un bico non vento”, composta por Isaura Lago e dedicada ao pobo de Pazos de Borbén. Especialmente emotiva foi a dedicatoria da clásico “Ave María no Morro” da Coral Santa María das Neves cara a unha dos seus membros que, despois de 25 anos na formación, faleceu recentemente.

O evento cumpriu amplamente o seu propósito inicial de estimular a práctica da música sinfónico coral e xerar un espazo de encontro entre persoas que valoran o crecemento cultural e humano a través da música. Mostra do éxito cultivado foron, ademais do cheo absoluto de público, os comentarios realizados ao termo do festival pola maior parte dos participantes, que xa preguntaban pola seguinte edición do festival mentres gozaban dun viño español cortesía da organización.

14 de outubro de 2014 | 12:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.