publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Frades eliminará as ruínas da antiga escola da praza de Ponte Carreira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

O Concello de Frades vén de acadar un acordo definitivo para a adquisición do inmoble dunha antiga escola emprazada na praza de Ponte Carreira. “A idea que temos é eliminar esas ruínas e adecuar este espazo á contorna da praza, xa que o estado ruinoso do inmoble fai que non sexa recuperable e porque, ademais, no novo PXOM esta zona figura como zona verde”, explica o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez.

O alcalde amósase moi satisfeito do acordo acadado co propietario do inmoble xa que “se trata dunha vella demanda dos veciños, de case vinte anos, e finalmente imos poder cumprir logo de máis de un ano de negociacións co propietario do inmoble”. Un acordo que xa foi asinado, polo que nos próximos meses procederase ao derrubo desta antiga escola e ampliarase o espazo público da praza de Ponte Carreira.

Melloras na praza

Deste xeito, o Concello de Frades culminará a mellora integral da praza pública de Ponte Carreira, iniciada en xullo de 2010 coa construción dun parque infantil, cunha área dirixida a rapaces de ata dous anos (con dous bambánstriplos para nenos, unha pequena caseta-tobogán e un balancín individual) e con outra área de xogos para nenos maiores de 2 anos con bambáns, tres tipos de balancíns (individuais, dobres e triples) e un gran módulo de xogos con dous tobogáns, unha rampla e rede. Todo o perímetro do parque infantil está recuberto de caucho, para mellorar a seguridade dos pequenos, e está pechado por unha vaia de seguridade en madeira.

Posteriormente, en novembro de 2013, o Concello de Frades investiu algo máis de 17.000 euros na construción dunha beirarrúa de 86 metros en formigón e cunha anchura de 2 metros, así como dunha canle para a recollida de pluviais na súa contorna. Unhas obras financiadas polo Concello de Frades e pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, con cargo ao programa de subvencións para a revitalización do comercio de proximidade e potenciación dos mercados existentes.

A praza de Ponte Carreira é un dos puntos neurálxicos da actividade social, cultural e comercial do concello de Frades. Así, todos os días 12 e 26 de cada mes, a praza de Ponte Carreira acolle un mercado ambulante tradicional, cunha vintena de postos. Ademais, adoita ser un dos principais puntos de encontro para as actividades deportivas e sociais organizadas polo Concello de Frades, como o Día da Bicicleta, a Carreira Pedestre, o Raid de Aventura ou a Cabalgata de Reis.

14 de outubro de 2014 | 13:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.